A feira
Cultur.gal chegou o domingo ao seu remate en Pontevedra. Foron catro días nos que a edición literaria, musical e audiovisual galegas se deron a coñecer ao público nun evento organizado pola
Asociación Galega de Editores.
Polo
Pazo da Cultura pasaron en catro días arredor de 10.000 persoas, segundo o director da organización, Roberto Pérez, que salientou que a iniciativa ten futuro e amosouse optimista sobre unha posíbel segunda edición "máis potente, con máis xente e máis expositores".
Durante a feira proxectáronse corenta filmes, desenvolvéronse quince sinaturas de libros, outros tantos concertos, cinco exposicións, obradoiros e mesas redondas, e a presentación de oito discos. Pero as actividades non se limitaron ao público adulto, senón que a rapazada tamén tivo unha programación específica. Ese foi o caso da
Escola Sinsal, un proxecto educativo nada convencional arredor da música.
Vieiros: Como funciona a Escola Sinsal? Xulio Gómez Alonso: Durante estes catro días, adaptamos a nosa escola ao espazo e ao esquema de traballo do Cultur.gal. Foi como unha especie de representación resumida da escola, con tres talleres. Todos os rapaces teñen que pasar polos tres, aínda que non necesariamente por orde, e leva uns vinte minutos cada un. O primeiro é tecnolóxico. Ensinamos a poñer música con discos de vinilo, CDs que simulan vinilos e tamén pinchamos MP3. Isto é posíbel do uso da tecnoloxía Final Scratch, que con dous discos nos permite facer o mesmo efecto que se empregásemos vinilos reais, aínda que en realidade se fai con arquivos MP3. A segunda parte é un taller tradicional, onde se tocan instrumentos feitos con obxectos de lixo, tubos de papel... é un apartado para escoitar sons, timbres e intensidades de son. E o outro é un obradoiro onde descontextualizamos obxectos. Dámoslles un sentido distinto a eses materiais. Por exemplo, píntanse discos, fanse puzzles con eles... Son manualidades absurdas coas que ensinamos que os obxectos valen para moitas cousas. Ademais, contamos unha historia da música adaptada, explicando as orixes do disco, do gramófono, da cinta magnetofónica...
V: Cal dos tres obradoiros ten máis aceptación? X. G. A.: As tres gustan por igual, cada unha por un motivo. Para os cativos é atractiva a imaxe de xogar cos discos. Tamén
flipan bastante co apartado dos instrumentos. E logo, tamén quedan sorprendidos polas cousas raras que facemos no taller de manualidades. O que si se nota moito é que a reacción dos rapaces é diferente dependendo dos mestres cos que se atopen. Varía o seu grao de implicación.
V: E como valora estes catro días? X. G. A.: O balance é fantástico. A idea está ben montada. A organización e o dinamismo son sobresalientes. Hai cousas mellorábeis, como darlle maior publicidade e reclamo, pero o espazo é fantástico. Xa hai xente que nos chamou para ir a outros puntos de Galiza. Nese aspecto estamos moi contentos. Nótase que a xente acode con tranquilidade a este espazo. Hai un equilibrio entre o cultural e o lúdico.