A institución únese a un plan de rescate no que participarán tamén Finlandia, Suecia, Noruega e Dinamarca, que achegarán arredor de 2.000 millóns de euros.
"Islandia está no medio dunha crise bancaria de proporcións extraordinarias", apuntaba este mércores un dos subdirectores executivos do Fondo Monetario Internacional (FMI) ao tempo que se confirmana a axuda do organismo ao país. De xeito inmediato, o FMI pon a disposición de Islandia un préstamo de algo máis de 1.600 millóns de euros, destinado a garantir a estabilidade financeira a curto prazo. O total do apoio económico aprobado irá vencellado a un plan de revisións trimestrais que inxectará arredor de 120 millóns de euros en oito quendas.
O colapso de até tres dos bancos máis importantes de Islandia puxera o país no gume dunha crise financeira con difícil saída, acelerando o salto da economía islandesa á recesión. O goberno insiste en que pode solucionar a situación a medio prazo cun programa triplo que garanta a reestruturación banqueira, sostibilidade fiscal e a estabilización da moeda. A forte implicación de capital británico ou neerlandés, entre outros países, nos bancos islandeses nacionalizados, complicara as últimas semanas a aprobación do plan internacional de axuda para o sistema financeiro do país.