En pouco máis dun ano de funcionamento, xa se enviaron máis de 150 mil mensaxes de texto aos móbiles das persoas inscritas.
O Concello da Coruña anunciou que vai ampliar os servizos de información cidadá por SMS. Nos seus primeiros 14 meses de funcionamento, xa superou as 150 mil mensaxes enviadas e as 1.600 persoas inscritas.
A concelleira responsábel de Persoal, Interior e Informática, Obdulia Taboadela, amosouse satisfeita pola acollida do servizo. Ofrécense dúas posibilidades: as canles públicas e as listas privadas de mensaxes. As primeiras son canles de tipo temático ás que se poden subscribir os cidadáns, mentres que as segundas son incorporadas polo concello para informar a cidadanía sobre feitos significiativos de "actualidade e servizos da cidade".
Actualmente, 10 das 26 áreas de xestión municipal xa usan o sistema, en áreas como bombeiros, protección civil, cultura, deportes, seguridade cidadá ou servizos sociais. As novas canles que está a desenvolver o concello informarán a cidadanía sobre convocatorias públicas, datas de recadación de taxas ou a concesión de axudas.
Segundo explicou Taboadela, o obxectivo do executivo coruñés é seguir a mellorar o servizo público, que permite aumentar a relación informativa entre a administración e a cidadanía coa axuda das tecnoloxías da información e da comunicación.