Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GRAN SOL

Bruxelas quere reducir as capturas de pescada e os armadores temen polo futuro

A Comisión Europea aprobou o seu proxecto de cotas pesqueiras para o vindeiro ano, uns topes que non son compartidos polo sector.

Redacción - 12:40 11/11/2008

A pescada é a especie de maior valor comercial para a flota galega, polo que estas medidas anunciadas por Bruxelas poderían afectar de xeito importante ao sector. A Comisión Europea aprobou o seu proxecto de Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) para 2009, unha proposta que supón unha rebaixa na cota da pescada nos caladoiros do norte, é dicir, nas augas do golfo de Bizkaia, de Escocia, de Irlanda e de Gran Sol. Segundo o texto, o tope de pescada do norte para toda a flota europea redúcese un 4,62% e pasa de 54 mil toneladas neste ano a 51.500 no vindeiro. Estes datos supoñen unha redución do 10% para os armadores galegos, unha proposta que aínda se ve agravada polas reducións noutras especies. En concreto, a Comisión prevé tamén recortes en peixes como o peixe sapo (un 25% en caladoiros peninsulares e 8% no norte) e o galo (15% en todas as augas).

Futuro da flota
A flota galega de Gran Sol oponse a estas medidas por varios motivos. Armadores de Celeiro e da Coruña xa foron explícitos a expresar o seu malestar con estas novas cotas. Dunha banda, consideran que os caladoiros xa están recuperados, xa que estes son tempos de abundancia de pescada. Doutra banda, non dan moito crédito a este proxecto, xa que se prevé a celebración dun Consello de Ministros europeos para decembro, do que agardan decisións a prol do mantemento das cotas como até agora ou mesmo incrementos. Neste sentido, consideran que esta podería ser unha manobra de despiste, co que non todo está pechado.

Pola súa parte, a Consellería de Pesca xa se manifestou en contra desta iniciativa. Carme Gallego fixo fincapé no esforzo realizado polas administracións e o sector no marco do plan de recuperación que prevía aumentar o stock de pescada que, ao parecer, vai por bo camiño. De feito, o secretario xeral do mar, Juan Carlos Martín Fragueiro, recoñeceu que agardaba un incremento na cota de até o 15% logo da favorábel recuperación da biomasa de pescada, que xa se sitúa en 22 mil toneladas, cando o obxectivo é o de 30 mil e o punto de partida de sete mil.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A pescada é a especie de maior valor comercial para os armadores galegos
A pescada é a especie de maior valor comercial para os armadores galegos
Os portos da Mariña luguesa (este é de Burela) son base de moitos barcos que se adican á pescada
Os portos da Mariña luguesa (este é de Burela) son base de moitos barcos que se adican á pescada