En anteriores comicios foron en candidatura conxunta co PNV. En abril de 2009 terán unha propia. Unai Ziarreta será, previsibelmente, o candidato a lehendakari.
Eusko Alkartasuna (EA) vai concorrer en solitario ás vindeiras eleccións vascas. A executiva nacional do partido, reunida esta segunda feira en Gasteiz, tomou a decisión final, a proposta do seu presidente, Unai Ziarreta.
É previsíbel que o candidato a lehendakari sexa o mesmo Ziarreta, que a última hora da tarde lle comunicou persoalmente a decisión do partido ao presidente do PNV, Iñigo Urkullu. Ao parecer, foron as bases do partido as que empurraron a executiva nacional a adoptar este acordo, ao ver inviábel unha coalición co PNV pola súa falta de claridade soberanista.
A historia electoral do partido
Dende 1998, cando obtivo seis escanos e 108 mil votos, o 8,6% do total, EA non se presentaba en solitario ás eleccións autonómicas. Naquela altura, o seu candidato a lehendakari foi Carlos Garaikoetxea.
Nos seguintes comicios vascos, en 2001, EA foi en coalición co PNV, e apoiou a Ibarretxe como o seu candidato a lehendakari, ademais de facer parte do goberno en coalición. Nos últimos comicios vascos, en 2005, a coalición PNV-EA obtivo 29 escanos, dos que sete correspondían aos parlamentarios de EA, e 22 ao PNV, un dos motivos, este, da fricción dos últimos anos, ao considerar o PNV que EA estaba sobre-representada na coalición.
Para máis información: