Hamás anunciou que boicoteará a reunión para o diálogo con Al Fatah convocada en Exipto. Paralelamente, pídenlle cita a Obama para falar.
Khaled Meshaal, dirixente de Hamás / Imaxe: CNN
O camiño da reconciliación entre as principais correntes políticas palestinas sufriu outro freo esta fin de semana. O movemento Hamás, que controla a Franxa de Gaza comunicou que non asistirá á xuntanza convocada no Cairo con mediación exipcia, polo que a volta ao rego do diálogo terá que seguir agardando.
Na mesa estaba a posibilidade de recuperar a curto prazo un goberno de unidade e recompoñer as forzas de seguridade. A medio prazo, estabeleceríase un calendario para a convocatoria de eleccións presidenciais e lexislativas. Na súa negativa a asistir á xuntanza en Exipto, un dos líderes de Hamás explicou para Associated Press que esixen a liberación de presos do seu grupo e recordan que o propio presidente palestino, Mahmud Abbás, comprometerase anteriormente nese sentido. Hamás argumenta que eles si liberaron membros de Al Fatah que foran capturados e esixen reciprocidade.
Por outra parte, pouco despois de coñecerse a suspensión do encontro, Hamás sorprendía coa chamada ao presidente electo dos Estados Unidos, Barack Obama, a recibir unha delegación do partido islámico. "Estamos listos para dialogar con mente aberta co presidente Obama e a nova administración dos EUA, e sobre a base de que o goberno norteamericano respecte os nosos dereitos e opinións", explicou Khaled Meshaal, dirixente de Hamás, durante unha intervención para a canle británica Sky News.