Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Coruña

Os estudantes arrepóñense contra as infravivendas

Os CAF-CAE piden a creación dun ente público para a xestión das vivendas para universitarios e a axilización da concesión de prazas nas residencias.

Redacción - 13:00 07/11/2008

A raíz das denuncias da existencia de infravivendas no campus da Universidade da Coruña, os Comités (CAE e CAF) deron unha conferencia de prensa na que se posicionaron a favor dunha reformulación da xestión política da vivenda pública para o estudantado.

Para este colectivo estudantil, a existencia desta problemática é resultado "da ausencia dunha política" relacionada coas residencias universitarias na Coruña. "Non é entendíbel que non se aplicara en todos estes anos o que recolle o plan parcial do Campus, no que se fala da creación dunha residencia para universitarios". Nesta liña, os Comités sinalan os responsábeis de que sigan a existir infravivendas: "a Consellaría de Educación, o Concello da Coruña e a etapa de Meilán na UdC".

Os estudantes reiteran, ademais, a súa aposta pola "Área Residencial do Campus da Coruña que está a impulsar a Universidade, xunto coa Consellaría de Vivenda", para cuxa construción xa traballaron recollendo sinaturas nunha campaña, en 2006, na que tamén pedían que tivese "unha xestión verdadeiramente pública (a través de Educación), na que os estudantes puidesen participar, en canto á definición de usos" e na que primasen, á hora de conceder prazas, "os criterios económicos sobre os académicos".

Pedras no camiño
Para os Comités, actualmente este proxecto está estancado porque a Consellaría de Educación "non ten interese en intervir na política residencial para estudantes" e porque, segundo din, "tanto a Concellaría de Urbanismo da Coruña e a Consellaría de Política Territorial están a poñerlle pedras no camiño a un proxecto que é vital para o estudantado da UdC".

Neste sentido, dende a organización estudantil ven "imprescindíbel" a coordinación entra as Consellarías de Vivenda e Educación, as tres Universidades galegas e os Concellos afectados para crear un ente público que xestione a vivenda universitaria e que traballe na definición de "políticas de aluguer de vivendas e a concesión de todas as prazas concertadas antes de 2010".


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: