Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROCESO NA AUDIENCIA NACIONAL

Ugio Caamanho recoñece que colocou a bomba no caixeiro pero exculpa a Giana Rodrigues

O independentista, que estivo arroupado no xuízo por máis de cen persoas, subliña que en ningún momento quixo provocar máis danos cós materiais.

Redacción / Europa Press - 18:20 03/11/2008

O militante independentistas Ugio Caamanho recoñeceu este luns na Audiencia Nacional que foi o autor en xullo de 2005 dun atentado contra unha sucursal de Caixa Galicia en Compostela. Porén, diante das preguntas da fiscal, Caamanho quixo deixar claro que en ningún momento quixo poñer en risco a ningunha persoa e que proba diso é que canda o artefacto puxo un cartel coa lenda “Perigo, bomba. Non tocar”.  Segundo explicou, tan axiña como foi detido pola Policía, ao pouco de colocar o artefacto, deu o seu nome real e avisou aos axentes de que a bomba estouraría unha hora e vinte minutos máis tarde. Caamanho asegurou que a outra detida polos feitos, Giana Rodrigues, non tivo nada que ver co atentado. Caamanho, que empregou en todo o momento o galego na súa declaración en Madrid, negouse a declarar nada máis, a pesar da insistencia do ministerio público.

Interrogado pola procedencia dun coche que se empregou para o atentado, Caamanho explicou que o automóvil cedérallo un amigo e que descoñecía que fora previamente roubado. Sobre o disfraz que levaba cando o detiveron, o independentista sinalou que “non quería que me recoñecesen, xa que me teñen detido outras veces mentres ía pola rúa”.

Na súa declaración, Giana Rodrígues mantivo que non ten nada que ver co atentado. Tal e como asegurara antes o outro procesado, a moza independentistas sinalou que se tiña atopado fortuitamente na rúa con Ugio Caamanho e que, a pesar de ir disfrazado, puido recoñecelo. Segundo a súa versión, apenas falaron dous minutos xa que Caamanho quixo desfacerse en todo momento da súa compañía. Porén, o ministerio público sostén que Giana Rodrígues foi detida na estación de tren da capital de Galiza e que se identificou cun DNI falso.

Preguntas da Fiscalía
A fiscal na quenda de preguntas quixo saber se Giana Rodrigues era “partidaria do uso da violencia con fins políticos”. A independentista limitouse a dicir que “é unha pregunta moi xeral, habería que definr primeiro o que é a violencia, é algo moi abstracto. Unha pintada na parede é violencia?”. A fiscal repetiulle a pregunta referíndose expresamente á colocación de bombas. A declarante respostou: Que se estou dacordo? Non sabería que dicirlle, en principio ninguén está a favor da violencia, pero non sei que contestarlle, sinceramente”.

Pola súa parte, os policías que declararon na Audiencia Nacional que estiveron seguindo os dous detidos porque os avisaran previamente. Tamén aseguraron que Caamanho e Rodrigues están ás ordes de Antom García Matos, que se atopa nestes momentos en busca e captura.

Máis dun cento de persoas acudiron até Madrid, á Audiencia Nacional, convocadas polo colectivo Ceivar. Arredor de cincuenta puideron deles entrar na sala onde berraron consignas de solidariedade cos detidos, até que foron desaloxados por orde do tribunal.

A acusación pública reiterou a solicitude de 21 anos de cadea para Ugio Caamanho e de 19 para Giana Rodrígues.


3,8/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: