O 1 de novembro haberá xogos bravús, aberto de billarda, magosto, festa e concertos: The Real McKenzies, Skárnio, Skacha e Skama la Rede.
Era o ano 1993, no outono, hai agora quince anos, cando no maxín dun grupo de rapaces de Chantada comezou a agromar a idea de facer un festival de música. Ao ano seguinte celebrouse a primeira edición do Castañazo, no que participaron Diplomáticos e Rastreros. Na segunda edición uníronse Pinto de Herbón, os Heredeiros da Crus, Os papaqueixos ou Skornabois; nacía o bravú na famosa cea na Cantina de Viana. No terceiro ano presentouse o disco Unión Bravú, e no cuarto o primeiro e único álbum dos Rastreros, nun festival encabezado por Manolo Kabezabolo. A falta de apoio das institución impediu a consolidación do festival, que celebrou a súa quinta edición o pasado ano, cunha mesa redonda sobre a historia do bravú, a presentación do álbum 120 Capadores, e un cartza de luxo, con Ruxe-Ruxe, Rastreros ou Os 3 Trebóns.
Chega xa o sexto Castañazo, que crece e presenta unha ementa musical de primeira liña internacional. Estarán os canadianos The Real McKenzies, referente para moitas bandas galegas dende hai anos, e tres bandas con 'ska' no seu nome: Skárnio, Skacha e os asturianos Skama la Rede, tres bandas de primeira fila. Ademais, dende A Coruña chegan Bastards on Parade. Os concertos comezarán ás nove da noite. Na noite de Todos os Santos o lume, a arroutada, o licor café e a festa dominarán o mercado gandeiro de Chantada.
O Castañazo non podía esquecer as castañas, e por suposto haberá un gran magosto, con baile incluído. Ademais, como en calquera festa popular, feira con polbo, carne, pan e viño. E que ninguén lle tema ao frío ou á choiva. Haberá zona de 'acampamento', e será cuberta, pois para que todos os asistentes ao Castañazo poidan durmir habilitouse o pavillón municipal de Chantada. Tamén estará cuberto o recinto de concertos, o mercado de gando da vila, que mesmo contará cun sistema de calefacción. Todo por cinco euros.
Billarda e 'Chote de esterco'
O Bravú Arena acollerá a partir das seis da tarde catro competicións de xogos bravús, nos que participarán dez equipos de catro integrantes cada un. As probas son 'lanzamento de boina', un xogo de habilidade e puntería consistente en guindar unha boina procurando que se achegue o máis posíbel a un punto, no que se atopa o premio; a segunda é o xa clásico 'turra-soga', xogo de forza no que gañará o equipo que máis turre; a terceira será a 'corrida de leiteiras', unha proba de relevos na que participarán todos os integrantes dos equipos levando as leiteiras e calzando zocas; e a cuarta será o 'chote de esterco', no que os catro membros do equipo terán que levar un monte de esterco dun lugar a outro axudados por dúas galletas.
Haberá tamén billarda, coa celebración do 'Aberto do Castañazo', que terá lugar no mesmo escenario a partir das catro e media da tarde.
Outro Castañazo, en Maceda
Pero non será o de Chantada o único Castañazo esta fin de semana. En Maceda, a asociación O Pipote organiza un magosto alternativo no castelo da vila. Non só haberá castañas, claro, senón que a música será de primeira categoría. O cartaz do Castañazo de Maceda está encabezado por Guezos, que estarán acompañados polos Cuchufellos e mais por Sin Konzienzia e La CX Band, ambos os dous de Madrid.
Haberá tamén un menú que por cinco euros ofrecerá chourizos, pan, empanada, licor café, bica, castañas asadas, e viño do país.