Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Milleiros de desprazados

"Catástrofe" humanitaria no Congo

No medio da violencia e os saqueos, a Cruz Vermella e diversas ONGs con actividade no país denuncian a situación ao tempo que teñen que retirar persoal despregado na zona.

Redacción - 09:00 31/10/2008

A situación é crítica, segundo coinciden en avaliar os principais colectivos que actúan no Congo. "Ducias de milleiros de persoas aseguen fuxindo dos combates, cuns desprazamentos continuos que fan imposíbel as operacións de axuda humanitaria", sinalaban este xoves desde o Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR).

O propio Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas tivo que paralizar a distribución de alimentos no contorno da cidade de Goma. Durante a semana a asociación Action Aid xa decidira paralizar a súa actividade e retirar o persoal do país. O mesmo anunciou Intermón Oxfam, laiándose de non poder despregar os equipos de distribución de auga potábel e outros produtos de primeira necesidade entre a poboación.

O incremento da violencia nos últimos días, coa ofensiva lanzada polo grupo tutsi liderado por Laurent Nkunda fixo a situación insostíbel. No medio do caos, unido á violencia militar infórmase agora de saqueos e violencia a pé de rúa en tendas e fogares. Mentres, non se estaría cumprindo a promesa das forzas rebeldes de Nkunda de facilitar a creación de "corredores de emerxencia" por onde distribuír con seguridade a axuda á poboación.

Fronte a esta situación, Amnistía Internacional propuxo que se reforcen as tropas de paz da ONU advertindo que se non hai un esforzo por protexer os civís o Congo camiña unha vez máis cara a "unha catástrofe humanitaria". Malia a gravidade e a urxencia de actuación, a Unión Europea permanecía este xoves enleada na discusión e sen acordo sobre a forma de afrontar a crise e o envío ou non de soldados europeos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: