Manel Gallego repetirá como secretario xeral da agrupación socialista local despois de que a candidatura apoiada pola dirección do partido conseguise a maioría dos apoios.
Dez minutos por candidato para explicaren os seus programas e quenda para a militancia, que se achegou masivamente a depositar o voto ao hotel vigués onde o PSOE celebraba a xornada. Unha votación que non estivo exenta de polémicas, pola xa denunciada improvisación en días anteriores e que fixo que mesmo non fose necesaria a acreditación co Documento de Identidade para os electores.
Finalmente, triunfou a candidatura liderada por Manel Gallego para o posto de secretario xeral e onde tamén se propoñía a Abel Caballero como presidente da agrupación socialista viguesa. A dirección do PSdeG-PSOE resolve así momentaneamente a espiña aberta na cidade nos últimos tempos, malia que é seguro que os candidatos derrotados non calarán, xa que a denuncia dos obstáculos á opinión da militancia no partido era unha das queixas coa que fixeron bandeira. Gonzalo Caballero, sobriño do rexedor e moi crítico coa súa actuación, é o que máis reforzado sae da cita, xa que rabuñou case 200 apoios, o 25% do total, fronte aos máis de 500 que foron para a saca de Gallego. Máis abaixo quedou a lista do ex alcalde Carlos Príncipe, con apenas o 13% dos apoios.