Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Votación o día 30

Confirmados os tres aspirantes a liderar o avespeiro socialista vigués

Gonzalo Caballero o último en presentarse. Enfronte: Manel Gallego e Carlos Príncipe. A votación será poucos días despois de que Vigo acolla o Consello de Política Municipal do PSOE.

Redacción / EP - 11:15 21/10/2008

"Estivo perto de pasarse", advertíalle este luns a secretaria de Organización do PSdeG, Mar Barcón, ao ex alcalde Carlos Príncipe, aspirante a recuperar o mando no PSOE local. Malia que non son novidade as posicións críticas de Príncipe, a responsábel de Organización dixo estar "sorprendida" polas declaracións nas que este poñía en cuestión a liberdade no grupo socialista local. "O partido necesita á agrupación de Vigo, e debe ser un exemplo de dinamismo, pero non de división", sinalaba Mar Barcón, pedíndolles aos aspirantes que non falasen con "lixeireza".

Príncipe criticou un "sospeitoso" incremento no número de militantes, presuntamente afíns ao actual secretario da executiva local, e denunciou que se lle negou o acceso ao censo de afiliados. De paso, atribuíuse ser "a única voz libre do PSOE de Vigo". As acusacións foron negadas polo aludido, Manel Gallego, quen aspira a repetir no cargo. De paso, pediu que o debate interno deixe de transcender aos medios.

Desde outro sector crítico, o ex concelleiro Gonzalo Caballero, protagonista xa durante o congreso nacional do PSdeG o pasado mes de xullo pola súa denuncia da suposta falta de democracia interna no partido, confirmou este luns a presentación da súa candidatura. Unha candidatura que cualifica de "cambio e renovación". Un proxecto co que pretende evitar que "o temón do barco" dos socialistas vigueses sexa monopolizado, nas súas palabras, "polos que estaban antes", en referencia a Príncipe, ou polo "poder institucional", en relación a Gallego. Caballero, sobriño do actual rexedor da cidade olívica, promete estimular a democracia interna e a participación da militancia de base.

Silva quítalle importancia
"Os candidatos teñen todo o dereito de selo, pero non hai que mirar só cara a dentro, senón cara a fóra e mandar unha mensaxe positiva á cidadanía para que saiba que o PSOE está con eles", opinou ao respecto da polémica quen fora hai anos secretaria xeral da Executiva, a viguesa Carmela Silva, agora voceira do PSOE no Senado e membro da Executiva Federal do partido. Silva insistiu en que a aparición de tres candidaturas é exemplo de "pluralismo" e rexeitou os posicionamentos dos críticos, asegurando que "non se impoñen criterios" e que se respectan todas as posicións.

A elección do novo secretario xeral do PSdeG vigués terá lugar o xoves 30, nunha votación no Hotel Bahía de Vigo. Tamén se elixirán 23 delegados para o Comité Nacional galego, e as candidaturas deberán obter polo menos o 20% dos votos válidos emitidos para lograr representación.

O V Consello de Política Municipal do PSOE será en Vigo
A axitada situación interna do PSOE vigués será apenas faragulla na reunión que poucos días antes desa votación, os próximos 24 e 25 de outubro, terán cargos orgánicos e institucionais do PSOE para debateren sobre "Políticas de Promoción Económica e Emprego". Aló estarán uns 60 alcaldes e máis de 120 concelleiros socialistas de todo o Estado, ademais de membros do goberno español e da dirección do partido.

A propia Carmela Silva participou na presentación do acto este luns en Vigo, quen explicou que a cidade olívica foi elixida para esta xuntanza como exemplo de urbe "dinámica, xeradora de economía e emprego". Entre os relatorios a debate haberá un co título "Plans prioritarios de actuación no ámbito municipal',' no que intervirán enrte outros o presidente da federación estatal de municipios, Pedro Castro, e o secretario de Política Municipal do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. A conferencia "Modernización e eficacia das Administracións Públicas" e a mesa redonda "As políticas locais de promoción económica e emprego", son outros actos fixados na axenda dos socialistas.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: