Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Compostela

Encontro da empresa galega: a patronal intercambia coñecementos

A Rede Galega de Empresas organiza esta xuntanza entre o empresariado galego coa administración, por un lado, e con empresarios de fóra do noso país, polo outro.

Redacción - 09:15 25/10/2008

Este sábado no Auditorio de Galicia, en Compostela, desenvolverase a xuntanza entre empresarios dunha e doutra beira do Atlántico (hai delegacións de Brasil, Venezuela, Uruguai, Panamá, Euskadi, Madrid...) con empresarios galegos e co Goberno no primeiro Encontro da Empresa Galega.

O obxectivo é poñer a disposición dos empresarios asistentes ao encontro, ferramentas que axuden a fomentar a realización de negocios e fortalecer as economías dun xeito recíproco. O que se persegue é abrir vías comerciais e industriais con economías e mercados doutros países. Para os empresarios do país, ademais, este encontro é unha oportunidade de participar dunha realidade global, alén de poder escoitar, de primeira man, as liñas mestras dos proxectos económicos das Consellarías de Innovación e Industria e de Medio Rural, que achegarán información sobre o sector forestal, gandeiro, das industrias enerxéticas, das minerais, do comercio... En definitiva, de todos os sectores aos que se dedica a actividade empresarial en Galiza.

O Compromiso do empresariado galego co país
Na mañá do sábado a actividade comezará ás 9:30 horas, coa recepción dos participantes, após a que comezará unha mesa redonda na que falarán o presidente da Rede Galega de Empresas, Benigno Pereira; o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e a directora xeral de Comercio, Ana María Rúa Souto. Despois das intervencións dos convidados, será o momento de participar na mesa-coloquio. Pola tarde, despois do xantar, desenvolveranse os distintos grupos de traballo, onde os empresarios terán oportunidade de crear novos contactos.

A Rede Galega de Empresas, entidade creada en maio de 2007, está composta por empresarios e empresarias do país, con capital galego e fiscalidade en Galiza, que traballan na creación dun escenario que posibilite a colocación da economía galega nunha dimensión internacional.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: