Son iniciativas destacadas na norma debatida no Parlamento, que ademais de abrir portas a expropiacións de "causa social" outorga rango de lei ao fomento de aluguer e rehabilitación.
O rexeitamento da orde de execución de obras de rehabilitación, os deterioramentos graves e a condición de vivenda baleira, son algunhas das vías a través das cales, por "causa de interese social", a administración poderá proceder á expropiación destes inmobles. Así o estabelece o proxecto de lei de vivenda debatido esta terza feira no Parlamento.
Son procedementos derivados da propia iniciativa do Goberno de outorgarlle rango de lei por vez primeira ao fomento do aluguer e a rehabilitación. O obxectivo, segundo explicou a conselleira de Vivenda, é mobilizar a entrada ao mercado de vivenda actualmente baleira, recuperar patrimonio construído e frear a degradación de moitos barrios. Así, a propia Xunta terá capacidade para actuar nestes casos cando o Concello non tome a iniciativa, obrigando os propietarios a manteren os inmobles en condicións óptimas de habitabilidade. Insistiu a conselleira, Teresa Táboas, en que as "importantes" liñas de axuda pública non darán escusa manter o deterioramento. De feito, e antes do estremo da expropiación, introdúcese a posibilidade de "cesión temporal" do inmoble á administración que á súa vez acometería os traballos e o poría durante un tempo no mercado de alugueiro subvencionado.
Por outro lado, salienta tamén a creación do Rexistro de Axentes Promotores de Galicia, coa fin de facilitar a transparencia no mercado inmobiliario e evitar casos de irregularidades non pouco habituais nos últimos tempos. Deste xeito, calquera cidadán poderá agora consultar a solvencia económica, financeira e técnica, e ter acceso ás posíbeis resolucións e sancións das empresas con actividade no sector.