Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DIRECTOR XERAL DE ASUNTOS MARIÑOS NON ACUDIU

Terractiva debateu o plano acuícola... malia a ausencia da Xunta

Lobeira (BNG) e Balseiro (PP) defenderon os intereses das súas formacións a través dos dous planos acuícolas que ambos partidos aprobaron estando no goberno.

Redacción - 13:53 19/10/2008

Terractiva acolleu este sábado unha mesa redonda na que se debatiu o Plan Galego de Acuicultura. Para o director da programación, Iván Prado, este é un "paso moi importante", xa que respresentantes parlamentarios do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e do Partido Popular (PP) "participaron xunto a platafomas cidadás" nun mesmo espazo para o debate. Neste sentido, o diálogo entre os políticos, os membros dos colectivos e o público foi "ardente" e foron moi palpábeis as tensións entre os responsábeis políticos.

Porén, un dos aspectos a destacar foi a ausencia do xefe de Acuicultura da Secretaría Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, Juan Ramón Otero Llovo. Segundo comentou Iván Prado, foi "un feito lamentable que o goberno decidise non asistir ao encontro cando este representante xa confirmara a súa presenza" e que "nin xustificase nin respondese" as chamadas da organización, afirmou o director do Terractiva.

Quen si estivo presente foi o voceiro de Pesca do PP, José Manuel Balseiro, o voceiro de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, o secretario executivo de ADEGA, Fins Eirexas, o membro da AA.VV. "A Pergoliña" de Camelle, Luis Miguel Suárez, e o membro da Plataforma veciñal pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Xosé Manuel Casais. Entre as conclusións máis salientábeis do dito encontro atópase a toma de posicións de cada un dos representantes a respecto das súas reivindicacións como grupos políticos. Trasladáronse á mesa redonda os debates parlamentares entre os dous representantes dos partidos, que aproveitaron para defenderen os intereses das súas respectivas formacións a través dos dous planos acuícolas que ambos partidos aprobaron estando no goberno.

Ambos os dous representantes dos colectivos cidadáns coincidiron en afirmar a destrucción do litoral, de empregos e de posibilidades turísticas e de desenvolvemento que suporía a construcción ou ampliación das piscifactorías, mentres que o representante de ADEGA fixo fincapé en definir os obxectivos de calquera plano acuícola e cuestionou a realización destas medidas políticas polos seus mentores xa que habería moitos outros aspectos da produción acuícola que non aparecerían reflectidos nestes proxectos, coma o mexilón ou outras especies mariñas coma o salmón.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: