O clérigo xiíta realizou deste xeito unha demostración de forza fronte ao goberno do país.
Milleiros de seguidores do clérigo xiíta Muqtada al Sadr, ao redor de 50 mil, saíron a protestar ás rúas de Bagdad polo acordo de seguridade que negocian as autoridades iraquíes e estadounidenses para definir, despois de máis de cinco anos, o futuro da presenza das forzas de EEUU en Irak. "Vaite xa, ocupante", reza a pancarta que encabezou a manifestación.
Analistas locais consideran que, con esta mobilización, Al Sadr intenta demostrar o poder de convocatoria que ten entre a poboación iraquí e aproveitar o ambiente de rexeitamento popular á presenza militar estadounidense e ao pacto de seguridade. Os Gobernos de Irak e EEUU levan varios meses negociando un acordo que regule a presenza das tropas estadounidenses en Irak despois de decembro, cando expira o mandato outorgado pola ONU ás forzas norteamericanas.
Os principais dirixentes iraquíes reuníronse o pasado xoves para estudar o borrador sobre o pacto de seguridade antes de ser enviado aos grupos parlamentarios, mentres que o Goberno de EEUU iniciou consultas sobre o mesmo con membros do Congreso e os candidatos á Casa Branca.