Miles de cidadáns marchan en Bolivia para exixir a convocatoria da votación sobre a nova Constitución. Por outra banda, a Xunta financia un hospital de campaña.
Arredor de sete mil persoas participan na marcha
Unhas sete mil persoas entre labregos, cocaleiros, mestres, obreiros, estudantes, mineiros, sindicalistas e representantes de organizacións dos nove departamentos de Bolivia iniciaron este martes unha marcha que prevé percorrer en sete días os 200 quilómetros que separan a localidade de Caracollo e a capital do país, La Paz.
O obxectivo é esixirlle ao Congreso a aprobación da convocatoria de referendo sobre o proxecto da nova Constitución. A petición da organización, a Coordinadora Nacional para o Cambio, o presidente boliviano, Evo Morales, encabeza a marcha, informan os medios locais.
O mandatario indíxena mostrou o seu desexo de que a oposición aprobe a lei da consulta antes de chegaren a La Paz. Ademais, acusou os latifundistas do oriente do país de facer unha campaña en contra do texto aprobado pola Asemblea Constituínte en decembro. Morales dixo que eran "falsas" as argumentacións dadas por estes ao respecto de que a norma non respecta a propiedade privada.
Con todo, o presidente boliviano advertiu que algúns membros destes grupos si deben estar temorosos xa que a Carta Magna garante a retroactividade na investigación das fortunas conseguidas ilegalmente de ex presidentes, ex senadores e outros cargos públicos. Ademais, ningún parlamentario volverá ter inmunidade.
O presidente do Senado, Óscar Ortiz, do partido opositor da dereita Poder Democrático Social (PODEMOS), criticou a presenza de Morales na marcha e dixo que as "presións" do goberno prolongarán o conflito político. Dende o goberno aseguran que están a negociar coa oposición para "superar as contradicións internas", mais sen cambiar o seu espírito.
Galiza envía un hospital de campaña a Bolivia
Por outra banda, a Fundación Axencia Humanitaria puxo a disposición da ONG Solidaridad Médica un hospital de campaña coa que pretenden atender as necesidades de 10 mil habitantes da selva boliviana, concretamente na zona de Moxos, na fronteira con Brasil, frecuentemente afectada por inundacións e con lugares de acceso complicado. No seu transporte participarán a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a ONG Aviación sen Fronteiras.
Solidaridad Médica é unha ONG nacida en Canarias en 2003. Tres anos despois abriu delegacións noutras partes do Estado. En Galiza non conta con ningunha, mais segundo informou a directora xerente da Axencia Humanitaria, Belén Louzao, unha das súas cooperantes é galega. Todos os seus membros son profesionais médico-sanitarios.