A Fundación que levaba o nome do falanxista xa mudou o nome. Permanece aínda pendente de cambiar o enderezo en internet do hospital.
A Xunta autorizou a comezos deste pasado verán a nova denominación oficial "Complexo Hospitalario A Coruña" e "Hospital A Coruña", que mudaban os anteriores "Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo-Marítimo de Oza" e "Hospital Juan Canalejo".
O lento cambio da denominación creou confusións como a acontecida esta mesma semana, cando a Asociación da Prensa d'A Coruña, entidade que por certo aínda usa o topónimo incorrecto da cidade, comunicou a convocatoria do primeiro Premio Periodístico Fundación Juan Canalejo para a promoción de hábitos de saúde, organizado xunto coa fundación do hospital herculino e co financiamento dun coñecido xigante farmacéutico. En conversa con Vieiros, representantes da fundación informaron de que se trata dun erro na convocatoria, xa que a denominación oficial da institución foi modificada ante notario pouco despois de que a Consellaría de Sanidade estabelecera o cambio de nome do propio complexo hospitalario.
Así e todo, os motores de busca en internet e a propia guía da comunicación do Servizo Galego de Saúde, remiten aínda ás webs Canalejo.es ou Canalejo.org, facendo referencia á antiga denominación do centro sanitario coruñés. Do mesmo xeito, o antigo nome segue presidindo o cabeceiro da web hospitalaria. E a mesma denominación co nome do coñecido falanxista segue aínda unida á fundación na información dispoñíbel sobre ela na rede. Malia iso, segundo puido saber Vieiros, o centro adquiriu xa o pasado mes de xullo, entre outros, o nome de dominio Hospitaldacoruna.com, aínda que case tres meses despois permanece inactivo e nin sequera se produciu o redireccionamento automático cara a este enderezo dos internautas que accedan á vella ligazón.