Fracasou o rescate da entidade alemá Hypo Real Estate no mesmo día no que líderes dos países europeos se comprometen a axudarlle aos bancos.
O banco hipotecario alemán, Hypo Real Estate (HRE) está ao límite da creba, xa que o grupo de bancos privado que acordara o seu rescate co goberno alemán retirouse, a última hora, da operación.
Estas entidades tíñanse comprometido coa administración de Merkel a darlle a HRE un crédito de 15 mil millóns de euros, que se había unir a unha aportación de 20 mil millóns de euros por parte do goberno alemán. Esta noticia coñeceuse no mesmo día que os líderes dos catro países europeos membros do G8 (Italia, Reino Unido, Alemaña e Francia) se xuntaban en París para atopar unha solución común á crise, que finalmente non chegou. Porén, si se comprometeron a apoiar as entidades financeiras dos seus respectivos países, no actual contexto de crise.
Nesta xuntanza tamén se discutiu a posibilidade de estabelecer un fondo de rescate para o sector bancario de 300 mil millóns de euros, que foi desestimada, precisamente, pola chanceleresa alemá Angela Merkel.