Este sábado o presidente francés reúnese cos líderes dos países europeos do G8 para para procurar unha "saída colectiva" á situación.
Horas antes de que o presidente francés, Nicolas Sarkozy, se reúna cos líderes dos países europeos do G8, recibiu o director xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI), Dominique Strauss-Kahn, quen, após a xuntanza, avogou por unha resposta coordinada da UE á crise financeira.
"A situación económica mundial é moi preocupante"
O máximo titular do FMI afirmou tamén que esta institución ten previsto revisar á baixa a previsión mundial de crecemento: "a situación económica mundial é moi preocupante, e o FMI vai publicar previsións de crecemento sensibelmente inferiores ás que había até o de agora", revelou Strauss-Kahn.
Despois da recepción a Strauss-Kahn, Sarkozy ha recibir, na cimeira de París por el convocada, a chanceler alemá, Angela Merkel; o primeiro ministro británico, Gordon Brown, e o primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, así como o presidente da Comisión Europea, Jose Manuel Durão Barroso, e os presidentes do Banco Central Europeo e do Eurogrupo, Jean-Claude Trichet e Jean-Claude Juncker, respectivamente, para procurar unha "única saída colectiva" desta situación de crise.