Nos vindeiros días publicaremos un libro en formato PDF con todos os relatos que poderedes descargar nos vosos computadores.
Cando o outono comeza a apoderarse dos días, remata o periplo de Vieiros polos mares. Agustín Fernández Paz pechou esta semana un feixe de relatos (doce) titulado No lombo do Atlántico. Por este inmenso océano electrónico navegaron recoñecidos autores. Suso de Toro, Alexandre Nerium, Luísa Castro, Marta Dacosta, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, Pilar Beiro, Rexina Vega, Xabier Paz, Francisco Fernández Naval, Xosé Vázquez Pintor e Agustín Fernández Paz.
Coas primeiras raiolas do verán fomos debullando un especial literario que contou co patrocinio da Consellaría de Pesca. Agora, nos vindeiros días presentaremos un libro en PDF cos doce relatos orixinais que nos achegaron os autores para que poidades gardar nos vosos computadores e navegar No lombo do Atlántico.