Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 3 AO 5 DE OUTUBRO EN PONTEAREAS

O Condado arrisca: Mostra Internacional de Videocreación

O festival recibe filmes de Arxentina, Estados Unidos, Noruega, Italia, Portugal, ademais de programar dous concertos de música emerxente.

Redacción - 09:00 02/10/2008

O Festival MIVICO 08 inaugurará a súa segunda edición coa estrea do último traballo dun dos directores consagrados do audiovisual galego, Rubén Coca. O ferrolán presentará o venres 3 de outubro Mínimo común múltiplo 2.0. A curtametraxe (sexta da filmografía do director) narra a historia de Andrea (Marta Larralde), unha moza de 30 anos que vive instalada unha rutina laboral e sentimental que se romperá no momento máis insospeitado. Será o venres 3 ás 21.30 horas, e a proxección contará coa presenza do propio Rubén Coca, que participará nun coloquio co público. Coca aposta con este filme por unha historia de amor contada en clave de suspense. Mínimo común múltiplo 2.0, que foi rodada integramente en Ferrol e na que participan os actores Alex Neira, Marta Larralde, Lourdes Sanmartín, Xoel Fernández e Tomás Romero.

Os traballos que participan na mostra proxectaranse en cinco sesións, que se desenvolverán durante as tardes do sábado e do domingo. Participan videocreacións e curtametraxes de Arxentina, Estados Unidos, Noruega, Italia, Portugal, e de distintos territorios do Estado Español. Entre os galegos atopamos 1977 (Peque Varela), Sen saída (Andres Victorero), Autorretrato (Ana María Domínguez), Leo (Fernando Cortizo), Bata por fóra, muller por dentro (Claudia Brenlla) e Cousas de Kulechov (Susana Rei Crespo).

A mostra complétase con dous concertos, que terá lugar o venres e o sábado a partir das doce e media da noite. Sean Riley & The Slowrider estarán o venres no Pub Flowers, e U-Clic o sábado no Salón Parroquial.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: