Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
IGNACIO VILAR PREPARA XA O SEU CUARTO FILME

Despois de 'Pradolongo', 'Vilamor'

A película rodarase en Negueira de Muñiz e nela serán protagonistas as comunas que se instalaron na localidade nos anos setenta.

Redacción - 16:35 02/10/2008

Cando aínda se atopa en pleno proceso de promoción de Pradolongo, agora na súa fase de distribución fóra de Galiza e previsto o seu lanzamento en DVD para o 15 de decembro, Ignacio Vilar pensa xa na rodaxe dun novo filme. Como xa adiantou nunha entrevista en Vieiros en xuño, nesta ocasión o escenario será a provincia de Lugo e chamarase Vilamor. Vilamor conta a historia dun home que regresa á aldea de Foxo, en Negueira de Muñiz, onde viviu cando tiña quince anos, nos setenta. Agora é escritor, e na súa volta reconstrúe os anos que pasou alí.

Foxo é un dos lugares que quedaron illados despois da construción do encoro de Salime nos anos 50. A finais dos setenta comezaron a estabelecerse neste lugar, e noutros próximos como Ernes, Vilar ou Vilauxín, comunas respectuosas co medio, que repoboaron a zona, e que aínda continúan vivindo alí. No filme contarase este proceso, pero dende a visión actual. A historia contarase en dous planos temporais: o dos anos setenta, cos mozos na aldea, e o da actualidade, co home que regresa. Ignacio Vilar entrevistouse nos últimos meses con algúns dos pioneiros que puxeron en marcha a comuna de Foxo para que o filme retrate con fidelidade o proceso.

Ignacio Vilar chegou á historia durante a rodaxe do documental A aldea: o antigo e o novo, no ano 2000 "no 99, cando gravei o documental a xente que vivía nesas aldeas aínda tiña que cruzar en barca para chegar ao resto do mundo". A rodaxe podería comezar no verán de 2009 e a intención de Ignacio Vilar é que teña como escenario a aldea de Vilauxín, por estar moi ben conservada. O equipo vai atopar algunhas dificultades á hora de gravar na zona: a primeira é que o único aloxamento, unha casa rural situada en Negueira de Muñiz, é insuficiente para acoller ás setenta persoas que poden estar traballando no filme nun momento dado. Porén, o principal problema será o de filmar nunha localidade que carece de rede eléctrica e ao que non se pode acceder en vehículos de motor. Vilar destaca que unha das cousas que máis lle interesou dos habitantes de Vilauxín foi o respecto que manteñen co medio natural, e o intento que realizan de vivir en equilibrio con el. "O concepto clave da película é tamén a relación entre a aldea tradicional e o novo tipo de aldea que se pretende crear e se creou nestes lugares", destaca Vilar.

Segundo Vilar, a xente que hoxe mantén a comunidade de Vilaxuán mantén moitas similitudes cos que chegaron a Foxo no 75: "este primeiro grupo estivo cinco ou seis anos, alugando as casas, e marcharon; hoxe moitos son profesores universitarios, hai un xuíz, funcionarios... despois, nos oitenta, todo cambiou un chisco. Os que están agora recuperaron o espírito primeiro, e funcionan moi ben: teñen un monte comunal, son propietarios das casas...".

Pradolongo, o 15 de decembro en DVD
En Vilamor Ignacio Vilar quere repetir algúns dos métodos de traballo que xa experimentou con éxito en Pradolongo, e por exemplo está considerando realizar un casting na zona para que participen no filme actores noveis e non profesionais. O vieiro aberto polo éxito de Pradolongo debería facilitarlle o camiño a este novo filme, "pero nunca se sabe, cada película é diferente", di Ignacio Vilar. Mentres non comeza a rodaxe de Vilamor, continúa a aventura de Pradolongo, que o 15 de decembro editará o seu DVD, e máis a súa versión en Blu-Ray de alta definición.


4,82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: