Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ÉXITO DO FILME GALEGO

Corenta mil persoas viron xa 'Pradolongo'

A pasada fin de semana, en Vilagarcía, tivo setecentos espectadores, superando mesmo a Indiana Jones.

Redacción - 09:00 04/06/2008

A Rúa, O Barco, Ourense, A Coruña, Lugo, Compostela, Narón, Marín, Cee, Lalín, Leiro, Vilagarcía... Pradolongo segue o seu camiño por todas as vilas e cidade do país. Con atrancos, pelexando cada espazo para ser exhibida, pero co apoio do público, que proxección a proxección enche as salas. Pradolongo, un dos moi raros filmes rodados integramente en galego en toda a historia, está a demostrar que é posíbel, que se pode filmar unha película en galego e que, con esforzo, pódese distribuír e converterse en todo un éxito.

Leva corenta mil espectadores, comezando polos seis mil que viron os sucesivos pases que se ofreceron na comarca de Valdeorras, unhas cifras que o converten no filme galego de máis alta recadación. O éxito do filme fixo que varias vilas nas que non estaba previsto que se proxectase o solicitasen, como Xinzo, Marín ou Leiro. E sempre en salas comerciais, agás en Santiago de Compostela, onde ningún cine quixo exhibir a película, malia ao éxito colleitado noutras cidades, estreándose finalmente no Teatro Principal, co apoio do Concello.

"Non é doado, pero hai que estar aí: temos que empeñarnos, non nos podemos resignar", di Ignacio Vilar, que engade: o cinema galego ten que chegar ás salas comerciais". Pradolongo está abrindo un camiño para o futuro, para outros filmes: "o cinema galego pode facelo: trátase de contar boas historias".



Vídeo de 'Quen puidera namorala', regravada para a banda sonora do filme

En outono en Madrid, Euskadi, Cataluña e Francia
O filme exhibirase esta fin de semana na Estrada e despois viaxará a Monforte e Ribeira. Ademais, no verán poderase ver en ducias de localidades en cinemas ao aire libre, "cando moitos galegos que viven na emigración volven aos seus lugares de orixe", salienta Ignacio Vilar. En outubro Pradolongo asumirá un novo reto: exhibirase en salas comerciais fóra de Galiza, en Madrid, Euskadi e Cataluña, concretamente. E en novembro estrearase en París.

Ignacio Vilar segue embarcado a tempo completo na promoción de Pradolongo, pero xa ten na cabeza o seu vindeiro proxecto, un filme que podería comezar a rodar no 2009, e que tería a provincia de Lugo como escenario. Alí aplicará todo o aprendido coa experiencia de Pradolongo, "aínda que cada película é un mundo, tes que aprender como contala e como promocionala cada vez", di Vilar, que conclúe: "aí é onde fallan moitas distribuidoras, porque non saben como tratar un filme; cada un necesita un tratamento diferente".


4,62/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: