AELG e Dirección Xeral de Xuventude convocan este venres e sábado uns vinte autores 'entre dous séculos' para debater sobre literatura dende a súa xeración.
"Unha xeración existe cando ten conciencia de seu" escribe Francisco Castro, coordinador deste III Encontro de Escritores Novos 'Entre dous séculos'. Existe, en calquera caso, cando ten uns temas, estilo e uns condicionantes comúns, literarios ou sociais, na súa escrita. Dende este punto de vista pódese considerar que moitos dos autores, novos todos, que entre venres e sábado debaterán no Pazo de Mariñan, fan parte dunha xeración literaria definida. Seguramente á procura dun discurso sólido e con máis puntos de unidade que os actuais, se é que aínda vivimos en tempos nos que a solidez discursiva está de moda.
Os debates xirarán dende os máis puramente literarios e estilísticos (venres ás 16 horas, 'Cartografías literarias no novo século, con Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal, moderados por María Xesús Nogueira) até os contextos nos que estes autores desenvolven a súa actividade, tanto en relación coas editoriais coma cos medios de comunicación (venres, ás 18.30 horas, 'Presenza e invisibilidade dos/as escritores/as na sociedade actual', con Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel Solleiro, moderados por Elvira Riveiro).
O sábado terá lugar unha mesa redonda que, sen pretendelo, vaise colocar no centro da principal polémica da semana no mundo cultural galego: o debate ao redor do premio 'González Garcés'. Como comenta Antía Otero, que participa na organización das xornadas dende a Asociación de Escritores, "até o de agora nestes encontros de novos escritores non se tratara de forma específica o tema de Internet; e é inevitábel facelo, posto que para todos nós é unha realidade que está aí, e que os máis de nós utilizamos no noso traballo literario, dun ou doutro xeito". A partir das dez menos cuarto da mañá Lara Bacelo, Leo F. Campos e o propio Eduardo Estévez debaterán sobre 'A literatura, Internet e as novas tecnoloxías', moderados por Francisco Castro. As xornadas pecharanse cunha mesa destinada a tratar o tema 'Literatura, sociedade e nación', con Carlos Negro, María Reimóndez e Rafa Villar, coordinados por Marta Dacosta.
Xa o sábado pola tarde, a xeración farase presente cun recital que terá lugar no Museo de Belas Artes da Coruña (rúa Zalaeta, s/n). Será un exemplo desta nova literatura galega, non só pola xuventude dos autores participantes, ou polos seus estilos e temas particulares, senón polas propias características do recutal, no que a palabra estará acompañada doutros elementos, como a música ou a imaxe, necesariamente ligadas á creación poética contemporánea. En 'Antes mortas que solemnes' participarán María Lado e Lucía Aldao, Celso Sanmartín, Enma Couceiro, Estíbaliz Espinosa e O Leo, pechando o acto Garcia (de Dios ke te Crew) cantando a Celso Emilio Ferreiro.