O Leo presenta o seu libro Hai Cu (Xerais, 2007) no pub Malas Pécoras de Compostela cunha performance poético-musical, todo un "espectáculo multimerda". Xoves 22 ás dez da noite.
"Se tes algo que dicir, dio alto e rápido", a máxima do punk aplicada ás letras ben poderían ser os haikus, "a forma literaria máis punkarreira", di Leo. Ou os hai cús. Porque todo o mundo ten un, porque onde hai cu hai onde sentar, e porque as mellores ideas sempre chegan no baño. No espectáculo multimerda do Malas Pécoras haberá retretes, haikus e música. Cómico e profundo, Leo publicará en A Regueifa Plataforma antes de final de ano o seu segundo disco (Aghomita campión!) e un DVD cunha selección dos concertos de Suspiros de Kaña (Sigho Vivo). Esta entrevista tamén se pronuncia con gheada e seseo
De onde che ven o gusto polos haikus?
Pois hai xa un tempo, que todo o mundo empezaba a ter un blog, pensei cal sería a mellor forma de facer un. E como o tempo é pouco neste mundo contemporáneo e unha das esencias da arte é a brevidade, decidinme por escribir as miñas ideas en forma de haiku. E como tamén son bastante cochinote, pois de aí saíron os haicús.
Que teñen de especial os retretes?
É moi importante o retrete como espazo, porque é o único espazo realmente privado que nos queda. E unha das condicións para a poesía é a privacidade. Ademais, hoxendía a poesía popular só resiste nos baños.
Que é o mellor que liches na parede dun baño?
Moitas, hai cousas moi boas. Algunha vez fun cagar ao baño do Atlántico, aquí en Compostela, e quedei media hora, lendo as cousas que hai por aí. Gústame unha cousa que xa vin en varios lugares de toda Galiza, iso de que "a vida é coma o pau dun ghaliñeiro, curta e chea de merda".
Nos teus poemas, debaixo dunha aparencia algo frívola e trouleira, hai moita profundidade, tanto estilística como nos temas que tratas. Cres que todo o mundo ve isto?
As cousas non hai que explicalas, se alguén quere quedar no "caca-cu-peido-pis", perfecto. Todas as cousas da vida son cómicas e profundas a un tempo, pero eu non busquei en ningún momento nin a comicidade nin a profundidade. As cousas son así.
Este libro gustaríalle a Bukowski ou aos Sex Pistols?
Confío que si, cando menos algunha frase. A verdade que admiro moito tanto a un como aos outros, sobre todo a Sid Vicious.
Ti como cantautor punk, ves relación entre o punk e os haikus?
Si, claro. Os haikus son a forma literaria máis punkarreira, recollen a filosofía punk, aquilo de "se tes algo que dicir, dio alto e rápido".
Para cando o segundo disco?
Antes de final de ano. A verdade é que é un disco moi punkie, non dá saído, houbo problemas de datas, para gravar coa banda, e ademais primeiro ten que saír o DVD coas actuacións en directo dos concertos de Suspiros de Kaña.
En que consistirá o espectáculo multimerda da presentación? Recital convencional...?
De convencional non vai ter nada. Vai ser unha performance na que basicamente vou cagar en directo, e polo tanto dependendo de como teña o día terá unha duración variable, quince minutos ou unha hora se estou estreñido ou retraído. E nese tempo farei todo o que eu fago no váter habitualmente: monólogos interiores, recitar, escribir, tocar a guitarra, cantar. O baño é o lugar da casa con mellor acústica, iso sábeo todo o mundo.
Hai que levar o papel hixiénico ou ven de serie?
O papel hixiénico lévoo eu. O público ten que poñer a súa interactividade.
Os teus alumnos coñecen o teu lado artístico?
Aínda non, pero mellor que o coñezan máis tarde que cedo, sobre todo porque tería que explicarlles por que visto de faralaes punk. E iso sería un problema engadido na xestión da clase.
Que mensaxe lles envías aos filólogos do mundo, a estes que dis que "coleccionan filoloxías como quen colecciona pokémons"?
Que temos que saír do armario. Somos moitos e ás veces levámolo con vergonza. O tema da lingua hai que sacalo á rúa.
Os neofalantes salvarán o galego?
Se non son eles, é imposible. Xa digo nun dos haikus que "os neofalantes liberarán Matrix". A única forma de recuperar unha lingua é gañar falantes novos.
Estás inspirado? Sáeche un hai cu sobre Vieiros?
Os haikus non se improvisan, nunca sentei a escribir un. Ocórrenseme pola rúa ou no baño. Non lembro se algunha vez pensei algún sobre Vieiros, pero é moi posible, porque son lector fiel.