Unha minoría de republicanos di que unha intervención de tal magnitude -700 mil millóns de dólares- choca coa súa crenza no libre mercado.
Aínda que esta quinta feira pola noite os líderes republicanos e demócratas do Congreso de Estados Unidos alcanzaron un acordo para aprobar o plan de George Bush para salvar a banca da crise, unha minoría de lexisladores republicanos botou abaixo finalmente a reforma. A razón esgrimida por estes é que unha intervención de tal magnitude -700 mil millóns de dólares- choca coa súa crenza no libre mercado.
No entanto, detrás desta negativa podería haber unha estratexia electoral do equipo de John McCain, tal e como claman os demócratas. Este aparecería nas próximas horas como o home capaz de convencer os republicanos díscolos en beneficio do país.
A bolsa rexistrou subas importantes ante a previsión de que saíse adiante, xa que un grupo de congresistas dos comités crave de ambas as dúas cámaras púxose de acordo nas grandes liñas que debería incluír o programa final. Porén, témese o peor para a sesión deste venres.
George Bush recibiu aos líderes do Congreso, a Barack Obama e a John McCain. Con todo, o encontro non deu ningún froito tanxible. Os lexisladores republicanos e demócratas continuarán este venres coas negociacións.