Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nacións Unidas pola crise

Asemblea Xeral da ONU: Inxerencias externas e soberanía dos pobos

A segunda xornada de debate non deixou de lado as crises -a financeira e a alimentaria- mais os conflitos interterritoriais ocuparon boa parte dos discursos.

Fernando Arrizado - 13:30 25/09/2008
Líderes de todo o mundo expoñen estes días queixas e propostas

Líderes de todo o mundo expoñen estes días queixas e propostas

Os participantes na segunda xornada de debate na 63ª Asemblea Xeral de Nacións Unidas non deixaron de lado o principal problema que afronta actualmente a humanidade, a crise -financeira ou alimentaria, dependendo de en que hemisferio se viva. Porén, os discursos tamén deixaron espazo para a denuncia das inxerencias externas e a reivindicación da soberanía dos pobos. Estes foron algúns dos máis destacados.

Fernando Lugo, presidente de Paraguai
"O novo goberno constitúe unha resposta inequívoca ás moitas demandas acumuladas nas últimas décadas. A cidadanía votou polo desexo dunha maior equidade social, por frear a destrución masiva do medio ambiente, por combater a corrupción", dixo Lugo. "As nacións indíxenas non son a artesanía milenaria do noso continente, senón o potencial máis vivo de protagonismo político", engadiu o paraguaio.

Cavaco Silva, presidente de Portugal
"Debemos asegurar unha maior representatividade nos órganos da ONU e tornar a súa actuación máis transparente", defendeu o xefe do Estado portugués. No seu discurso, recordou tamém a candidatura de Portugal a membro non permanente do Consello de Seguridade para o bienio 2011-2012, presentada hai oito anos. Cavaco Silva subscribiu a intervención do presidente francés, Nicolás Sarkozy, e apostou pola "responsabilidade colectiva" á hora de afrontar os retos do futuro.

Michelle Bachelet, presidenta de Chile

"Constatamos, de xeito tráxico, o xurdimento ou agravamento de diversos problemas de alcance global, como o cambio climático, o terrorismo ou a crise alimentaria", expuxo. Exixiu, neste senso, o compromiso das nacións na loita contra a fame e a pobreza, a educación, a saúde, a igualdade entre homes e mulleres e o ambiente.

Simon Peres, presidente de Israel

"Mentres Israel fixo concesións en favor das súas arelas por vivir en harmonía cos seus veciños, a procura de Irán da hexemonía relixiosa e mais o dominio da rexión divide Oriente Próximo e eiva as oportunidades de paz", expuxo ante un auditorio do que se ausentou o presidente iraniano, Mahmoud Ahmadineyad. "O apoio iraniano a Hisbulá dividiu o Líbano. O apoio a Hamas dividiu os palestinos e pospón o estabelecemento dun Estado palestino", engadiu. Sobre as negociacións cos palestinos, informou de que o máis probábel é que conclúan en 2009.

Wen Jiabao, primeiro ministro de China

"O mundo necesita a paz, só con paz pode haber desenvolvemento", afirmou Wen. Ademais, sinalou que o seu país defenderá firmemente a súa soberanía e integridade territorial "dificilmente gañadas", así como tamén respecta as doutros países, así como a independente elección dos pobos do seu sistema social e do seu camiño de desarriollo, sinalou.

José Ramón Machado, vicepresidente de Cuba

"O suposto combate o terrorismo ou a pretendida promoción das liberdades serven de pretexto á agresión e á ocupación militar, á tortura e á detención arbitraria", afirmou Machado. Isto provoca "a imposición de modelos políticos, económicos e sociais que faciliten a dominación imperial en franco desprezo á historia, ás culturas e á vontade soberana dos pobos", agregou. Referiuse tamén ao "armamentismo desenfreado" e ao "saqueo e usurpación dos recursos naturais do Terceiro Mundo", mentres "uns 850 millóns de persoas padecen fame". "Os responsábeis deste estado de cousas, os países industrializados e, en particular, a única superpotencia, deben asumir as súas responsabilidades", engadiu, para salientar que Cuba "resistiu o bloqueo máis longo e cruel da historia".

Armando Guebuza, presidente de Moçambique

Guebuza apelou a unha cooperación internacional que permita revitalizar a produtividade dos agricultores nos países en desenvolvemento, e considerou que a crise alimentaria constitúe "unha oportunidade para o reforzo da cooperación internacional". Tamén, pediu "apoio financeiro" para o país na área sanitaria, co fin de formar 20 mil novos profesionais deica 2015, e aumente un 68% o número de partos asistidos.

Álvaro Uribe, presidente de Colombia

Uribe manifestou que o seu país continúa loitando para que cada cidadán poida vivir "en confianza e con seguridade", e asegurou que nun país como Colombia, a democracia descansa na "transparencia", que á súa vez depende do "respecto aos Dereitos Humanos". Ademais, asegurou que os crimes no país son cada vez menores: Tan só o 36% dos homicidios foi de traballadores e profesores membros de sindicatos, e polo momento ningún xornalista foi asasinado, asegurou. Por último, afirmou que o narcotráfico é "inimigo do medio ambiente" e serve de "combustíbel" ao terrorismo.

Pedro Pires, presidente de Cabo Verde
O dirixente caboverdiano defendeu a "modernización e o aumento da produción e da produtividade agrícolas" como medidas para combater a crise alimentaria nos países africanos. Pires pediu formas de "compensación" financeira aos países pobres e "mais prexudicados" pola suba do prezo dos combustíbeis e apostou polas enerxías renovábeis. Respecto da crise financeira, invocou a necesidade de acordar "novas formas de regulación".


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: