A candidata a fiscal xeral do estado de Vermont anuncia que procesará a George W. Bush por asasinato, se resulta elixida o vindeiro 4 de novembro.
Charlotte Dennett e máis o seu marido, Gerard Colby
Charlotte Dennett preséntase como candidata a fiscal xeral do estado de Vermont, asegurando que se resulta elixida o vindeiro 4 de novembro, procesará o actual presidente dos Estados Unidos de América, George W. Bush, por cargos de asasinato.
Dennett acusa a Bush do asasinato de miles de iraquíes, a mans de soldados estadounidenses que foron recrutados para procurar "falsas armas" de destrución masiva. A candidata a fiscal xeral do pequeno Estado de Vermont ampara o proceso legal no feito de que esta propaganda tamén foi utilizada para atraer a poboación do seu Estado ao exército.
O actual fiscal xeral de Vermont, William Sorrell, mostrouse escéptico ante as declaracións de Charlotte Dennett e dubidou de que "o fiscal xeral teña algunha autoridade para procesar o presidente" segundo a lei do Estado, "a menos que os crimes se cometan en Vermont".
A acusación estará dirixida por un fiscal mediático
Dennett descubriu tamén que a acusación estaría dirixida polo fiscal Vincent Bugliosi, autor do libro The Prosecution of George W. Bush for Murder (O procesamento de George W. Bush por asasinato). Bugliosi exerce como fiscal na cidade californiana de Los Ángeles, e fíxose famoso despois de dirixir a acusación contra Charles Manson polo crimes cometidos coa súa banda "A familia" a finais dos anos 60.