A partir deste luns os usuarios poderán valorar positiva ou negativamente os comentarios. Buscamos que a propia comunidade contribúa a regular os debates.
Vieiros introduce unha nova funcionalidade para aumentar a participación dos usuarios. A partir de agora, será posíbel valorar positiva ou negativamente os comentarios. Para poder facelo, só é preciso estar rexistrado.
Cando os seus votos negativos superen en cinco os positivos, quedará oculto, aínda que será posíbel visualizalo premendo nunha ligazón. Esta medida ten como obxectivo permitir que sexan os propios lectores e lectoras os que regulen o normal funcionamento do sistema de comentarios e eviten que se empregue para descualificar, insultar ou facer 'spam' con temas non relacionados coa información que se comenta.
En Vieiros decididimos dar este paso para reforzar os mecanimos de libre pensamento. Consideramos que as opinións máis dispares, incluídas as máis críticas, matizan e enriquecen as informacións. Porén, tamén cremos que determinados comentarios, lonxe de contribuir a isto, limitan a libre contraposición de ideas. Ninguén mellor que os propios usuarios para determinar que opinións desvirtúan un debate ou aquelas que buscan a provocación gratuita
Con esta medida queremos depositar nos lectores, imprescindíbeis protagonistas deste xornal, a reponsabilidade de seguirmos construindo entre todos un medio comprometido co país dende unha perspectiva aberta e plural, na que todas e todos temos espazo.