Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEXILLÓN

O paro dos bateeiros arranca con enfrontamentos en Vilanova

Dous detidos e un garda civil ferido foron o resultado do conflito. Ao final, conseguíronse descargar 60 toneladas de bivalvo.

Redacción / EP - 17:10 16/09/2008

Este martes comezou o paro indefinido convocado pola plataforma Pladimega e que lle afecta á distribución de mexillóns frescos no mercado do país. Aínda que 11 das 36 asociacións non están a secundar a mobilización, xa se produciron enfrontamentos co obxectivo de impedir a saída do bivalvo das áreas de produción.

Uns 500 bateeiros concentráronse no peirao de Vilanova de Arousa para tratar de evitar que os produtores das agrupacións contrarias ao paro efectuasen as descargas de mexillón. Os partidarios da folga bloquearon dende as dez da mañá o acceso ao porto.

Segundo confirmaron varias testemuñas, producíronse cargas policiais, con presenza de antidisturbios. Da outra banda, os piquetes contraatacaron con pedradas. Como resultado dos enfrontamentos resultou ferido un garda civil e dous bateeiros foron detidos.

Diversos grupos de mexilloeiros prendéronlle lume a un guindaste vello do porto e guindáronlles pedras aos barcos chegados ao porto. Os piquetes tamén colocaron colectores e estruturas metálicas á entrada do peirao para impedir o paso dos camións de transporte de bivalvo.

Ao final, as agrupacións contrarias ao paro conseguiron descargar unhas 60 toneladas de mexillón, que saíron do peirao de Vilanova arredor das tres da tarde. A carga transportárona catro camións escoltados polas forzas de seguridade.

O conflito xurdira a madrugada do sábado coa explosión de tres artefactos nas sedes de colectivos que non participan no paro e que representan o 20% do sector.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: