Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO ÍNDICO

O Estado enviará medios navais e aéreos para protexer os pesqueiros en Somalia

O secretario de Estado para a UE, López Garrido, anunciou esta medida despois de que tanto o goberno galego coma o vasco exixisen presenza militar.

Redacción - 19:40 15/09/2008

O Ministerio de Defensa está a avaliar as necesidades e aínda non determinou as forzas que se enviarán até África nin cando se despregarán, non obstante, o secretario de Estado para a UE asegurou que a intención é de facelo canto antes e que só faltan aspectos técnicos.

Este anuncio faise despois de que a conselleira de pesca, Carme Gallego solicitase perante o Ministerio de Defensa que envíe de xeito urxente unidades de protección para a flota que faena nas augas de Somalia. Ao remate da Conferencia Sectorial de Pesca, celebrada en Madrid, tanto Gallego como o seu homólogo vasco aseguraron que o Estado Español debe dar o primeiro paso para que se despracen ao Índico forzas do exército español.

Bruxelas e a coordinación contra a piratería
Ao tempo que o Estado español tomaba esta decisión, o consello de ministros de exteriores da Unión Europea decidiu crear unha célula de coordinación para xestionar a actuación das forzas navais que xa hai na zona e as que poidan estar nun futuro. O capitán de navío, Andrés Breijo (natural de Cariño), será o responsábel desta célula, con sede en Bruxelas, que se porá en marcha nos "vindeiros días", segundo explica o documento que veñen de aprobar.

Neste mesmo acordo tamén se abre a porta a "unha opción militar estratéxica" de cara a unha posível operación naval, en resposta ás peticións de algúns países como o Estado español para combater os ataques piratas. Non obstante, até o de agora, os Vintesete non acadaron unanimidade para converter esa misión nunha realidade.

Mentres, gran parte dos barcos que faenan nas augas próximas a Somalia decidiron deixar de faenar e volver a terra. Nesta fin de semana, atuneiros franceses e de bandeira española que faenan nas augas do océano Índico decidiron repregarse ao porto de Mahé ante os ataques que volveron sufrir nos últimos días.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: