A Comisión Mixta de Seguimento da Lingua valorou positivamente este venres os datos do programa de promoción.
Fotograma do documental 'Fronteiras', de Rubén Pardiñas
A aprendizaxe do galego no Bierzo segue a medrar. A teor dos datos facilitados pola Comisión Mixta de Seguimento da Lingua, que se reuniu esta sexta feira en Valladolid, tanto os representantes galegos como os de Castela e León amosaron a súa satisfacción pola consolidación do programa de promoción da lingua no territorio que depende da comunidade autónoma veciña.
Cada ano aumenta a cantidade de alumnado matriculada en galego en ensino Infantil e Primario, co que este curso 2008-2009 xa son 1.003. Alén diso, tamén existe a posibilidade de estudar a lingua na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, aínda que os datos non son tan estábeis, pois das 95 persoas inscritas en 2006 pasouse a 59 en 2007.
A comisión mixta concretou tamén accións de intercambio entre o alumnado das dúas comunidades e melloras na dotación de material didáctico. A implantación dos estudos é voluntaria, tanto para os centros como para o alumnado, aínda que se promoverá que os que optasen polo programa lle dean continuidade.
O protocolo de colaboración entre as dúas administracións produciuse en agosto de 2006, despois de comprobar os bos resultados do acordo asinado xa en 2001 para promocionar a lingua nos territorios galegofalantes de Castela e León (O Bierzo e A Seabre).