Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Bierzo

Edición xestionada por Vieiros
RSS de O Bierzo
PREMIOS XARMENTA

Un galardón para quen espalla o galego no Bierzo

O pasado día 11 a Asociación Xarmenta entregou os seus primeiros premios nun ateigado teatro Bergidum de Ponferrada ao actor Luís Tosar e ao Consello Comarcal do Bierzo. Ao primeiro correspondeulle o premio á personalidade que destacase polo seu espallamento da cultura e a lingua galega. E ao segundo, ao Consello Comarcal, á institución berciana que recoñecese e potenciase a existencia e uso do idioma galego no Bierzo.

- 08:38 16/01/2006
Tags:

O actor Luís Tosar, despois de agradecer e sorprenderse por tal recoñecemento, afirmou que o premio habería de ser, e así llo ofrecía el, aos falantes bercianos que mantiñan o idioma galego no día a día.

Ricardo González Saavedra, pertencente ao PSOE, e como presidente do Consello Comarcal do Bierzo, recolleu o premio e, despois de contar unhas divertidas anecdotas idiomáticas relacionadas co Bierzo, leu un discurso no que afirmou que o idioma galego é tamén patrimonio do Bierzo, e abogou para que así figurase na próxima reforma da Lei da Comarca.

Posteriormente o Secretario Provincial do PP e delegado territorial da Junta de Castela-León, Eduardo Fernández, mantivo, para sorpresa de moitos, a mesma postura có presidente do Consello Comarcal, e dixo que o galego completaba a riqueza cultural do Bierzo e de Castela-León. E todo isto díxoo en castelán, detalle que aínda resalta máis a importancia de dita afirmación.

Asistiron varios alcaldes do Bierzo, o delegado de Cultura da Xunta de Galicia en Ourense, Xosé Carlos Sierra, e a Secretaria de Política Lingüística, Marisol López.

Entre as ausencias os presentes notaron as dos medios de comunicación públicos galegos, a Radio Galega e a TVG.

A velada foi presentada dunha forma áxil e divertida polos xornalistas Ricardo López Témez e Soledad Figueroa, e amenizada polos cantautores Aínda, Pepe Cañal, Dionisio Álvarez Trincado, Aira da Pedra e polo grupo de teatro de Vagalume. A banda de gaitas San Blas de Fabeiro, Dona Vitorina de Cacabelos e a Escola de Gaitas de Carracedelo xuntáronse nunha inmensa banda para interpretaren distintas pezas berciana e ancaresas.

Remataron o acto os membros de Xarmenta desde o escenario con agradecementos múltiples. E entre o público unha inmensa satisfación de que todo decorrera correctamente e de que o galego se estea a converter paseniñamente nun patrimonio a conservar e potenciar, mesmo polos non galegofalantes. A alegría e ilusión era tal que, xa na rúa, só oiamos falar de proxectos cunha naturalidade que nunca viramos por estas terras.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: