A asociación 'Xogo Descuberto' organiza, para o sábado 13 de setembro, o segundo desembarco e marcha até os límites da illa da ría de Vigo.
Na fin da ponte que une o areal da Toralla coa costa de Vigo hai colocados unha barreira e máis un vixiante de seguridade que cortan o paso a toda a illa. Soamente os residentes e máis os seus convidados poden acceder ao que é un dos máis coñecidos resultados da especulación inmobiliaria dos anos sesenta: unha torre de 70 m. de altura cimentada na mesma ría e 30 chalés exclusivos que chegan até mesmo onde baten as ondas.
Na Toralla non hai paso público, hai unha comunidade de propietarias e unha sociedade -Toralla S.A.- cunha concesión sobre a illa até 2064. A urbanización descontrolada dende os anos 60, á parte de ser inconstitucional (vulnera a Lei dos cincocentos metros que suspende todas as edificacións a menos de 500 metros da costa), está a rematar co patrimonio histórico e cultural da illa, asentada sobre un importante castro da Idade de Ferro e unha necrópole romana.
O sábado 13 ás seis da tarde, o colectivo 'Xogo Descuberto' organiza a Segunda Reconquista da Illa da Toralla para berrar a prol dunha illa de uso público ceibe de desfeitas arquitectónicas, apoiado por un feixe de asociacións, como Verdegaia, Salvemos Monteferro, A ría non se vende, A Revolta e a Asociación de Veciños do Casco Vello de Vigo, entre outras moitas.
Na primeira edición da Reconquista, cando os piratas tomaron a illa e pasaron a barreira, a mobilización foi reprimida polos antidisturbios chegados en tres furgóns e dispostos a desaloxalos a paus e empurróns. Podes velo no vídeo en Blip.tv.