Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Apoio dos hostaleiros do país

Toñi Vicente, en liberdade con cargos polo caso das vieiras con toxina ASP

A cociñeira, que vai reabrir o seu local este mesmo luns, rexenta un dos poucos restaurantes do país que contan cunha estrela da Guía Michelín.

Redacción - 18:30 08/09/2008

A restauradora Toñi Vicente, imputada na suposta trama de compravenda de vieiras con toxina ASP, quedou en liberdade sen fianza logo de prestar declaración este luns pola mañá no Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol.

A restauradora, que entrou ás 11.10 horas acompañada dos seus avogados e saíu arredor das 14.30 horas, compareceu no marco do proceso que investiga unha suposta trama de comercialización de vieira con toxina 'amnésica'. Cando menos, e polo momento hai, dez persoas imputadas.

Toñi Vicente asegurou estar moi afectada pola situación, e afirmou que confía en que o asunto non lle afecte á reputación do seu restaurante, situado en Compostela e que é un dos poucos do país que conta cunha estrela da prestixiosa Guía Michelín.

"Creo que disto vou saír reforzada e creo que a miña reputación está por riba deste malentendido", afirmou a cociñeira, que ten previsto reabrir o seu local este mesmo luns. O seu avogado asegurou que "o papel" da restauradora na trama é "totalmente circunstancial", "sen que teña nada que ver na trama crucial", e agradeceu o tratamento dos medios.

Na suposta trama están imputadas polo menos outras nove persoas: o representante da empresa de distribución de alimentos, seis mariscadores de Ferrolterra e outros dous hostaleiros que, segundo fontes da investigación, están á fronte de dous coñecidos restaurantes, un en Poio e outro en Sanxenxo.

Apoio dos hostaleiros

Toñi Vicente está a recibir o apoio de moitos compañeiros de profesión. O Grupo Nove, integrado por dezaseis novos restauradores do país -entre outros, Marcelo Tejedor, Pepe Vieira e Pepe Solla-, condenou a "utilización mediática" que, ao seu xuízo, se fixo da que cualificaron "grande dama da cociña galega".

O grupo de restaurantes Xantares, ao que pertencen entre outros Chef Rivera, Manicha Bermúdez, Tito Nixon e a propia Toñi Vicente, condenou a actitude dalgúns medios de comunicación. "Dun delincuente común facilítanse en principio as siglas; de Toñi -a abandeirada da cociña galega de maior prestixio- escribíronse nome e apelidos", afirmaron, e destacaron a profesionalidade da imputada.

Ademais, o cociñeiro catalán Ferrán Adriá e mais o vasco Juan Mari Arzak, mostraron o seu interese "solidario" polo caso de Toñi Vicente a través de Euro-Toques, entidade á que pertence. E tamén a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca salientou a "ampla" traxectoria profesional e "recoñecido prestixio" da restauradora.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: