Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Eleccións á Assembleia Nacional

Angola enterra con votos o seu pasado de sangue

Logo de décadas de loitas e dezaseis anos despois dos últimos comicios, a cidadanía busca consolidar esta fin de semana a súa longa transición democrática.

Fernando Arrizado - 11:30 05/09/2008
As últimas eleccións foron en 1992

As últimas eleccións foron en 1992

"O partido de goberno vai ser o gañador destas eleccións". Con certeza que o Movimento Popular de Libertação de Angola (MPLA), tal e como aventuran dende o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), ha gañar as eleccións á Assembleia Nacional desta fin de semana.

Mais logo de dezaseis anos sen comicios de ningún tipo e con varias décadas de loita interna e guerra anticolonial detrás, para a cidadanía angolana o de menos é o resultado; aínda que non por apatía: as previsións apuntan que haberá unha participación moi alta.

Angola, malia ser un dos maiores produtores de petróleo do mundo, só superado en África por Nixeria e Guinea Ecuatorial, é tamén un dos países máis pobres do planeta. Tres cuartas partes da poboación viven con menos de dous dólares ao día, o salario mínimo é de oitenta dólares e a esperanza de vida non supera os cincuenta anos.

"A realidade é a que é, mais está a cambiar; vai cambiar", afirma Domingos Manaça, profesor na Universidade Agostinho Neto -a única pública do país- e lector no departamento de Filoloxía Galega da USC dende hai dous anos. "Os habitantes da periferia de Luanda precisan da axuda da ONU para poder vivir, mais os campos de refuxiados estanse a desmantelar e a xente a ser recolocada no seu lugar de orixe", engade Manaça, de 38 anos de idade.

En anos recentes, e grazas ao boom do petróleo (Angola ingresa 40 mil millóns de dólares anuais, froito de producir dous millóns de barrís diarios), o goberno -de tradición comunista, mais que abaneou cara a socialdemocracia- puxo en marcha medidas para a reconstrución do país -tamén no sur, menos favorecido economicamente-, recibidas entre a poboación con bastante éxito.

Fica por reconstruír, entre outras cousas, a rede de estradas, derramada por anos de guerra, que comunique a capital, Luanda, e a costa co resto do país e que permita comercializar os produtos agrícolas do interior a prezos minimamente adquiríbeis para toda a poboación.

Obxectivo: Investimentos estranxeiros
Mais o principal obxectivo común do MPLA e da União Nacional para a Independência Total de Angola (UNITA), os dous principais partidos políticos angolanos e rivais durante moitos anos no campo de batalla, é a chegada de investimentos estranxeiros que permitan levar a cabo a modernización do país.

A importancia destas eleccións reside, xa que logo, en demostrarlles aos potenciais inversores -isto é, UE e EUA (Portugal e China son os seus principais socios económicos)- que Angola dista moito de ser Cimbabue. E os propios inversores tamén o perciben así. Ducias de observadores internacionais, moitos europeos, velarán esta fin de semana pola transparencia na organización dos comicios, que polo momento está a recibir louvanzas e críticas por igual.

"Interesan principalmente as reformas estruturais que faciliten a chegada de investimentos estranxeiros, o estabelecemento dun sistema democrático logo da guerra civil", apuntan dende o Igadi. Por outra banda, a posibilidade dun cambio de goberno é moi pouco probábel -en todo caso, unha redución da maioría absoluta do MPLA- en parte pola atomización dos partidos da oposición.

"Hai que ter en conta que Angola sae dunha guerra, dun sistema de partido único, e que non hai unha identificación da xente cun programa ou con outro. Coido que na oposición hai boas ideas, mais calquera dos dous partidos está capacitado para gobernar", reflexiona Domingos Manaça.

Dezaseis anos despois, algo mudou

Angola consegue a súa independencia de Portugal en 1975, logo de cinco séculos de colonialismo. A UNITA -apoiada por EUA e Suráfrica- e o MPLA -co amparo dos países comunistas- combaten durante 16 anos, deixando como resultado máis de 300 mil mortos.

En 1992 organízanse eleccións, mais a UNITA non acepta o resultado, o que provoca o rexurdimento dos combates. En 2002, co abatemento do líder da UNITA, Jonás Savimbi, asínase de novo a paz, primeiro paso cara ás eleccións lexislativas deste venres, as presidencias de 2009 e as locais de 2010.

"A situación é diferente á de 1992", comenta Manaça. "Hoxe en día a xente está preparada para o resultado que saia das eleccións; ese foi o erro que non se vai repetir. Daquelas había un exército paralelo, e agora a sociedade non quere máis guerra", engade.

De feito, aínda que UNITA denunciou presións e abusos policiais durante a campaña, non se rexistraron casos de violencia política: outro sinal que apunta a arelada consolidación do sistema democrático.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O partido no goberno dende 1975, o MPLA, parte como favorito. Na imaxe superior, cartaz coa imaxe do presidente, José Eduardo dos Santos
O partido no goberno dende 1975, o MPLA, parte como favorito. Na imaxe superior, cartaz coa imaxe do presidente, José Eduardo dos Santos
Mapa de África (clique para ampliar)
Mapa de África (clique para ampliar)
Mapa de Angola. A provincia de Cabinda, ao norte, é unha das máis ricas e busca -mesmo polas armas- maior autogoberno
Mapa de Angola. A provincia de Cabinda, ao norte, é unha das máis ricas e busca -mesmo polas armas- maior autogoberno
Un seguidor da UNITA, principal partido da oposición e antiga milicia enfrentada ao MPLA mesmo dende antes de 1975
Un seguidor da UNITA, principal partido da oposición e antiga milicia enfrentada ao MPLA mesmo dende antes de 1975