Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
NICO GONZÁLEZ, AUTOR DO BLOG PAPAR E VIVIR

"En Galiza o protagonismo da rede está nas persoas normais"

O blogueiro lalinense fala do compañeirismo que existe entre os blogogastrónomos e da evolución da comunidade internauta no país.

M. del Río - 11:20 29/08/2008

O lalinense Nico González é o autor do blog Papar e Vivir, unha bitácora na que, segundo el mesmo explica, escribe sobre o que lle gusta, que é precisamente o que lle dá título á bitácora. González forma parte do grupo dos blogogastrónomos, blogueiros interesados polo bo comer e tamén por contalo na rede. Este movemento está a ter especial popularidade no noso país.

Como naceu a idea de crear o blog Papar e Vivir?


Máis que nada xurdiu como un hobby. Pensei do que podía falar, de algo que me gustase. Non quería facer algo grandilocuente. Trato de gastronomía, viaxes, cousas de Galiza e paisaxes naturais.

E como o describiría?


Son unha serie de afeccións ás que trato de darlles un contido. O nome do blog xa é descritivo. É unha cousa que tampouco ten máis pretensións, é un hobby, algo para pasar o momento. Atopas xente que te visita e que che dá ánimos para seguir.
O plus que trato de darlle eu ao blog son receitas propias, imaxinadas por min pero con evidentes influencias e que trato de explicar de xeito sinxelo a través de videos, e ademais cónstame que hai xente que logo as fai.

Vostede forma parte do grupo dos blogogastrónomos. Como é a relación entre a xente?

Hai un bo número de blogogastrónomos, andamos polos cen, dos que uns vinte e cinco somos galegos. Galiza ten unha moi boa convivencia. Hai dous ou tres anos que comezamos a reunirnos. De aí xurdiu o Código Cociña, que se creou entre os blogogastrónomos, principalmente de Galiza pero tamén do resto do Estado, para fomentar a relación entre nós. Os principais impulsores son Manuel Gago, o Gourmet de Provincias e Colineta, que van aglutinando o grupo. Son uns criterios que nos marcan aspectos como a autoría, o respecto... Tratamos de axudarnos a través dos comentarios e dos correos.

É un movemento puramente galego?

Os blogs gastronómicos son universais, pero aquí en Galiza funciona un grupiño, hai blogs de referencia... Non é propiamente galego pero aquí ten unha transcendencia especial.
O éxito dos blogs gastronómicos está en que a xente fíase doutra xente común que ten unha afición e que trata de documentarse pero á vez é alguén cercano e familiar. Tamén pola propia dinámica case inmediata descóbrense lugares que as guías de papel non poden ofrecer con tanta axilidade, ademais de seren de pago.

Como ve a situación actual da internet galega? É certo iso que din de que morreu o blogomillo?


Non é que morrese o blogomillo. É un mundo moi cambiante. Agora existe unha tendencia cara ás redes sociais, como Facebook, Hi5... Moita xente que non tiña blog, porque lle custaba traballo facelo, pasa a estas redes sociais, e mesmo deixa de visitar blogs ou hai blogueiros que chegan a abandonalos. O que si que está claro é que en Galiza o protagonismo da rede está nas persoas normais e correntes. Os blogs poden ser tamén un elemento desas redes sociais.

E cales son as perspectivas de futuro desta rede?

Na rede galega vexo que a lingua está a ter bastante forza. Podemos atopar información de todo tipo en galego na internet. Iso vai permitir a pervivencia dunha rede galega. O idioma vai ser un vehículo de cohesión importante: hai moitos blogs e webs de referencia, como pode ser Chuza, que poden ter unha determinada compoñente ideolóxica pero que están facendo o seu traballo. Creo que no futuro, a rede galega vai ir a máis.


3,5/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: