Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
nova acción de protesta de "salve a selva"

Denuncian a construción dunha nova hidroeléctrica na Amazonia

"Loitaremos contra o estabelecemento dun modelo de desenvolvemento socialmente inxusto"

Redacción - 11:10 31/08/2008

A asociación Salve a Selva é unha organización ambiental do Brasil politicamente independente que defende os habitantes das forestas tropicais e os espazos en que moran.

O goberno de Brasil quere facer unha hidroeléctrica máis na Amazonia, o grande encoro Belo Monte no estado de Pará. Este proxecto ameaza varios pobos indíxenas e da ribeira, e tamén unha biodiversidade importante con forestas tropicais, mata ciliar e praias exorbitantes. Tamén ha destruír as especies mariñas nativas que precisan dun río sen encoros. Segundo aseguran no seu informe "a electricidade producida por esta hidroeléctrica só vai axudar a unha industria excesivamente contaminante e perigosa para a biodiversidade, o medio ambiente e a saúde humana: a industria mineira e da produción de aluminio para a súa exportación. Han padecer os pobos brasileiros do río Xingu por iso?".

Dende a filial brasileira da plataforma ecoloxista independente holandesa Rettet den Regenwald, avisan: "a hidroeléctrica non é unha enerxía limpa, nunca o foi. Xa os grandes encoros de Balbina e Tucurui na Amazonia foran un desastre ecolóxico e socióloxico para o medio ambiente e a poboación local e global". É falso que a enerxía das centrais hidroeléctricas sexa unha enerxía limpa que non contribúe ao efecto invernadoiro, todo o contrario. Os encoros, especialmente nos países tropicais como Brasil, emiten xigantescas cantidades de gases como o dióxido de carbono e o metano, gases máis gravosos para o efecto invernadoiro que os emitidos polas termoeléctricas que empregan combustíbeis fósiles.

Por isto en maio de 2008 case mil persoas de varios pobos indíxenas e pobos tradicionais, como os ribeiriños, xuntáronse en Altamira para se manifestar contra o proxecto Belo Monte. No seu manifesto de protesta “Xingu vivo para sempre” está escrito “estamos certos de que interromper o Xingu na Volta Grande causará inundacións permanentes enriba da central que desprazarán milleiros de familias da ribeira e os habitantes da cidade de Altamira, afectando á agricultura e á biodiversidade, asolagando as nosas praias. […] Non admitiremos a construción de encoros no Xingu e nos seus afluentes, grandes ou pequenos, e continuaremos a loitar contra o estabelecemento dun modelo de desenvolvemento socialmente inxusto e ambientalmente degradante”.

A organización Salve a Selva convida a participar na súa acción de protesta “non deixe que o goberno do Brasil xunto coas grandes internacionais destrúan a súa riqueza cultural e natural, o seu futuro”. É posíbel enviar unha carta de protesta ao presidente do Brasil na web da asociación salveaselva.org.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: