Participará na sección 'Made in Spain', dirixida á crítica internacional e aos compradores que acudan á oficina de vendas do certame.
Pradolongo segue de triunfo en triunfo, e despois de percorrer todo o país durante meses, proxectada en cidades e vilas e convertida na película galega máis vista da historia, con máis de 45 mil espectadores, fai as maletas para iniciar a súa distribución alén de Pena Trevinca. Anunciábao en xuño o seu director, Ignacio Vilar: o outono sería o tempo para a promoción do filme fora de Galiza, "en outubro Pradolongo asumirá un novo reto: exhibirase en salas comerciais fóra de Galiza, en Madrid, Euskadi e Cataluña, concretamente. E en novembro estrearase en París". Ademais, a produtora está pechando os contratos para proxectar Pradolongo en Alemaña, Suíza e Escocia.
A presenza da película no Festival de Donosti será unha plataforma inmellorábel para este obxectivo. Non participará na sección oficial, por ter sido estreada xa en salas comerciais, senón na categoría 'Made in Spain', dirixida especialmente á crítica internacional e aos compradores (distribuidoras, principalmente) que acuden á oficina de vendas do festival.
Para Ignacio Vilar, "isto era o que nos faltaba para darlle o pulo definitivo a Pradolongo". O filme foi unha das 15 longametraxe seleccionadas para estar presente neste escaparate comercial, ao que aspiraban máis de 170 títulos de todo o Estado. Ignacio Vilar, unha representante da produtora e un dos actores do filme desprazaranse a Donosti entre o 18 e o 27 de setembro para presentar a película ante os posíbeis compradores interesados en distribuíla nos seus países.