O grupo ferrolán, os antigos Blood Filloas, gañou finalmente o A Polo Ghit 2008, a canción do verán galego que soará no Liet Lavlut.
Foi Dani Filloa a comezos dos noventa. Era o tempo dos Blood Filloas, de Gorevisión, do Superheroe que soou no Xabarín Clube. Dez anos despois, falamos con Dani Elliott, recomposta a banda e rebautizada como Boy Elliott & the Plastic Bags. Gañaron a terceira edición do A Polo Ghit, que nesta ocasión se decantou polo pop-rock de sonoridades británicas e elegantes. O 18 de outubro representarán a Galiza no Liet Lavlut, o festival de linguas minorizadas que nesta ocasión se celebra en Laponia. Galiza éche un país pop.
Sorprendeuvos a noticia? Estabades na casa, na praia, traballando...?
Foi bastante sorpresa, porque en realidade non esperabamos gañar e eu de feito levaba semanas apoiando a Roger de Flor. En realidade sigo pensando que Os dous amigos é a verdadeira canción do verán. E a verdade é que me pillou un pouco descolocado, porque acababa de chegar de Bretaña.
Supoño que isto é un gran trampolín para os próximos proxectos do grupo...
Si, claro. Temos unha maqueta que gravamos na Semana Santa, con cinco cancións, que queriamos ter editado antes do verán, pero que entre unhas cousas e outras foise retrasando. O premio do A Polo Ghit chega xusto a tempo.
É autoedición?
Si, autoeditada e autoproducida. E estamos moi contentos. A portada foi cousa de Roi de The Homens e esperamos que estea na rúa en setembro ou outubro.
Que pasa en Ferrol? Parece que renace a movida musical na comarca, non si? Quant, Roger de Flor, Todo el largo verano, Bang 74...?
Parece que si. Eu en realidade levo cinco anos fóra de Ferrol, pero continúo moi conectado ao que se fai por aló, e temos moita relación con todos os grupos da comarca. Quizais o que sucede é que esa movida sempre estivo aí e agora comeza a ver a luz.
Que diferenzas hai entre Dani Filloa e Dani Elliott? Que gañaches e que perdiches nestes anos?
Eu avancei moito. Home, teño doce anos máis, máis experiencia. Con Blood Filloas no seu momento tivemos moita sorte e tocamos bastante, en bastantes sitios. Antes metíamos algo máis de caña, pero as influencias son as mesmas, o meu grupo favorito seguen sendo os Clash.
Xa miraches que temperatura vai en Laponia en outubro?
Si, mireino onte (risas), uns dous graos de media.
Podía ser peor...
...si, en Ourense hai moitos días que vai moito máis frío.
Que opinas dalgunhas críticas que vos fixeron por representar a Galiza nun festival internacional cantando a maior parte das vosas cancións en inglés?
Non sabería que dicir, eu escribo así, en inglés, en castelán ou en galego. Cada canción ten o seu idioma, e non sei por que iso ten que ser un problema.
Ademais ti es dos que escribes e cantas en inglés sabendo o que dis, non coma outros...
Si, agora penso que si, despois dos anos que pasei en Irlanda, e en Australia.
En Australia naceu o teu novo nome artístico, non si?
Si, por un amigo meu, Dan Richards, que lle gustaba moito Badly Drawn Boy. E a min gústame moito Elliott Smith. Facendo esa estraña mestura saíu Boy Elliott.