O Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR) calcula que arrredor de 100 mil persoas tiveron que deixar os seus fogares como consecuencia do conflito entre Rusia e Xeorxia.
Camións da ACNUR nunha operación no Cáucaso
Perto de 56 mil persoas deixaron o fogar no contorno da cidade xeorxiana de Gori, sobre o 80% do total da poboación, aínda que se espera que a maioría volva cando a tensión afrouxe no contorno da cidade. O ACNUR tamén manexa datos de desprazamento de até 30 mil persoas desprazadas en Osetia do Sur en dirección a Rusia. Alén diso, milleiros de cidadáns terían fuxido cara a Xeorxia. Un conxunto de desprazamentos forzosos que podería superar as 100 mil persoas.
O primeiro transporte aéreo da axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados non chegou a Xeorxia até a altura do pasado martes 12. Un cargamento de 34 toneladas de axuda de emerxencia para as vítimas do conflito. Para esta semana agárdase a viaxe á zona do Alto Comisionado, António Guterres, quen autorizou a asignación de 1,5 millóns de euros do fondo de emerxencia da institución internacional para enfrontar as necesidades de despregue e axuda na rexión. A ACNUR tamén informou de que fora requirida a súa actuación en varias ocasións para garantir o traslado con seguridade de poboación civil entre diversas áreas da zona do Cáucaso.