Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CASE CEN MIL REFUXIADOS NO CÁUCASO

A UE enviará observadores a Xeorxia, mentres os tanques rusos continúan as operacións

Malia ao cesamento do fogo, as tropas de Moscú avanzaron até Gori, a 70 quilómetros da capital xeorxiana.

Redacción - 17:24 13/08/2008

Tanques rusos están destruíndo as instalacións militares da Brigada de Artillería do Exército xeorxiano na cidade de Gori, situada a 70 quilómetros ao norte de Tiflis, e moi próxima á fronteira coa rexión separatista de Osetia do Sur, informou a canle de televisión Rustavi-2. Esas instalacións foran abandonadas polas forzas xeorxianas tras a contraofensiva das tropas rusas en Osetia do Sur, polo que Xeorxia non está opondo resistencia.

Ao parecer foron uns 50 os carros de combate rusos que entraron en la cidade a primeira hora desta mañá. Malia a denunciar que esta incursión supón unha violación do cesamento do fogo acordado entre os dous país, fontes oficiais xeorxianas aclararon que as tropas rusas non empregaron a fuerza contra a poboación civil.

Pola súa banda, o presidente de Xeorxia, Mijail Saakashvili, pediu unha investigación internacional das accións militares rusas en territorio xeorxiano e acusou a Moscova de "limpeza étnica". O Goberno de Xeorxia calcula que a guerra con Rusia deixou na república caucásica 165 mortos, sen contar ás vítimas en Osetia do Sur, segundo informou en Tiflis o ministro xeorxiano de Saúde. A principios da semana, Rusia falara de 2.000 mortos tan só en Osetia do Sur, cifra que foi cualificada de esaxerada pola parte xeorxiana. Segundo estimacións do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), unhas 100.000 persoas están fuxindo nestes momentos no Cáucaso sur.

Unha operación fallida de Xeorxia
Moscova está aproveitando a mal calculada operación de Saakashvili para neutralizar todo o aparello militar xeorxiano necesario para librar a guerra en Osetia. Ese é o motivo dos bombardeos contra o porto xeorxiano de Poti, no Mar Negro, onde se destruíron radares e almacéns vitais para Xeorxia, así como nos arredores de Gori, a cidade natal de Stalin, onde se atacaron guarnicións e destruído almacéns de material bélico.

Había tres anos que Xeorxia estaba modernizando o seu exército da man de Estados Unidos, que ten en Tiflis un total de 129 "conselleiros militares". Xeorxia mantén un "enorme incremento" do seu gasto militar, gastou "máis de mil millóns de dólares" en defensa, mercando armas a Ucraína, Turquía, Israel e Estados Unidos, incluídos mísiles terra/aire "Stinger" de fabricación estadounidense.

Fontes rusas afirman que se Xeorxia chega a ocupar Osetia do Sur en 24 horas, proclamarían o restabelecemento da orde constitucional, sancionada por Washingtron, pero os plans non saíron. O seu ingrediente fundamental era a sorpresa e a lentitude dunha resposta rusa: o Presidente ruso, Dmitri Medvedev, atopábase de vacacións nun cruceiro polo Volga, e o primeiro ministro, Vladimir Putin -de feito aínda o verdadeiro "número un" en Rusia- chegara a Pequín seis horas antes de que comezase o ataque xeorxiano. "O cálculo foi que non habería unha decisión rápida de resposta", sinalan as fontes. Pero si que a houbo.

Observadores da UE
A UE está preparada para comprometerse "sobre o terreo" co fin de lograr unha solución "pacífica e estable aos conflitos en Xeorxia", segundo acordaron os ministros de Exteriores nun encontro extraordinario. O ministro francés de Exteriores, Bernard Kouchner, cuxo país preside este semestre a UE, indicou ao termo da reunión que os Vinte e sete están dispostos a enviar observadores á zona para garantir o respecto ao cesamento do fogo.

"Moitos estados membros propuxeron ese tipo de intervención sobre o terreo", dixo Kouchner, quen precisou que non se trata de enviar forzas militares nin de pacificación, senón de desempeñar tarefas de "vixilancia, control e mediación".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: