A obra, de Sergi San Julián e Carlos Portela e prologada por Manuel Rivas, preséntase este mércores na Coruña.
Transcorreu un ano desde a marea negra. Otero, conselleiro do goberno autonómico, presenta aos medios de comunicación unha campaña propagandística que anuncia a limpeza total das praias e a recuperación do sector pesqueiro. A campaña é, en realidade, un exercicio de manipulación informativa no que interveñen políticos e xornalistas... Así comeza A Conta Atrás, unha novela gráfica inspirada no desastre do Prestige, editada en galego e castelán por Faktoría K.
A novela emprega o flash-back como mecanismo narrativo, de xeito que vai afondando nos acontementos pasados, cos que o lector vai construíndo e explicando o momento presente co que se abre o libro, "esta estrutura serve para a análise de causas dos comportamentos humanos". A Conta Atrás ten dúas partes, a segunda das cales presentarase aínda nuns meses, mantendo até aquel momento a incerteza da historia. Estará listo no 2009, para o Salón do cómic de Barcelona, ou se non para a vindeira edición de Viñetas desde o Atlántico. Segue, pois o vieiros aberto por novelas gráficas de éxito mundial, como Maus ou Persépolis, dividias en varios volumes, rompendo a tiranía das 48 páxinas, herdeira da escaseza de papel durante a II Guerra Mundial.
O libro vén apadriñado por Manuel Rivas, que escribiu o prólogo e estará presente na presentación, e ademais inclúe unha entrevista ao guionista e ao ilustrador realizada por Álvaro Pons, crítico especializado en cómic. A presentación da novela terá lugar este mércores, 13 de agosto, ás sete e media da tarde, na Fundación Caixa Galicia, na Coruña, dentro dos actos de Viñetas desde o Atlántico. Segundo Carlos Portela, guionista do libro, "trátase dunha historia sobre como se perciben as cousas e como as cousas cambian segundo o punto de vista". Interesoulle tratar a catástrofe porque nese tipo de situacións, cando colles varias persoas nunha situación límite, "ves a parte máis animal do ser humano, a parte máis heroica e a máis mesquiña".
O guionista do libro, Carlos Portela, é subdirector do Salón de Cómic da Coruña e analista de banda deseñada desde 1983, data na que fundou o fanzine Interlinea. Entre as súas obras destaca a segunda etapa de Gorka, onde colaborou con Sergi San Julián. San Julián, pola súa banda, está considerado un dos mellores expoñentes actuais da ilustración de cómic, e dende 2004 a súa traxectoria artística está ligada ao mercado francés. É creador de personaxes como Gorka e debuxante da colección Fanhunter. Así mesmo, traballou para diversos xornais e revistas realizando tiras políticas. Ademais da colaboración en Gorka, Portela e San Julián coincidiron no colectivo H2oil, no que numerosos creadores de banda deseñada realizaron obras sobre a catástrofe do Prestige.