Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reaccións ao informe do Consello de Contas

Malia a investigación en curso o PP insiste en que as concesións de minicentrais "cumpriron a legalidade"

O PSdeG carga contra as "desvergonzas" hidroeléctricas de Feijoo e o PP di ter "a conciencia tranquila".

Redacción - 19:00 07/08/2008

"Saen á luz as desvergonzas do PP e do señor Núñez Feijoo, quen participou en primeira liña daquel goberno agonizante que aproveitou os seus últimos días, estando en funcións, para darlle as grazas a algúns polos favores prestados". Así o analizaba este xoves no Parlamento a deputada ourensá Laura Seara. A voceira do PSdeG en materia de Medio Ambiente recordaba así o recente informe do Consello de Contas ao respecto de Augas de Galicia, onde se subliñan diversas prácticas irregulares relacionadas coa concesión de explotacións eléctricas nos ríos do país.

Laura Seara recordou que parte do asunto está xa nas mans da Fiscalía desde hai dous anos e destacou a colaboración do Goberno coa Xustiza para aclarar o acontecido durante esa última etapa do PPdeG á fronte do executivo. Na súa opinión, o PP "non ten escapatoria" neste tema, "por moitas cortinas de fume que queiran poñer no asunto".

A deputada socialista recordou ao fío algunhas das cuestións apuntadas no estudo, como é o "trato de favor" a determinadas empresas, a ausencia de xustificación da solvencia dos beneficiarios das concesións ou as modificacións realizadas sen exposición pública. Tamén lembrou que o executivo do PP ignorou criterios medioambientais e mesmo informes negativos dalgúns departamentos do propio goberno que advertían da incompatibilidade coa lei das minicentrais. Seara censurou así a "escandalosa sobreexplotación" dos ríos promovida polo PP "nun país excedentario en produción de electricidade". Unha "expoliación" que na opinión dos socialistas rematou na actual etapa onde, segundo repasou Laura Seara, paralizáronse 41 minicentrais en tramitación e anuláronse 4 das 49 concesións outorgadas polo anterior goberno.

O PPdeG, coa conciencia tranquila
Á comparecencia de Seara esta cuarta feira respondía máis tarde Xaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do grupo parlamentario do PpdeG, quen asegurou que o seu partido ten "a conciencia tranquila" e insistiu en que "todas as concesións cumpriron a máis estrita legalidade". Castiñeira considera que se a xustiza non foi máis adiante de momento é porque "non existen irregularidades".

O deputada popular retrucou ademais que o actual Goberno demostra "pouca eficacia" na resolución de problemas medioambientais e afirmou que a "blindaxe dos ríos" esgrimida polo executivo consiste "en ir de desastre en desastre", recordando ao respecto os vertidos no río Umia ou os recentes vertidos en Melide.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: