Carlos Castaño (que deu mostras de recuperación, ao protagonizar a fuxida do día), ou Mosquera (que anda a 50 segundos do líder) manteñen o equipo.
A segunda etapa da Volta a Burgos foi para o ciclista bielorruso Yauheni Hutarovich (Française deas Jeux) quen entrou, ao sprint, na meta de Miranda do Ebro, após percorrer 186 quilómetros dende Belorado. O triunfo de Hutarovich vén seguido ao conseguido polo seu compatriota, Andrei Kunitski (Aqua & Sapone), na primeira etapa. Kunitski mantense, ademais, como líder da carreira, con 18 segundos de vantaxe sobre o francés Loubet (AG2r).
A actuación dos do Karpin Galicia
De entre os corredores do KGZ destacou Carlos Castaño, quen protagonizou, xunto con outros cinco corredores, a fuxida da xornada que comezaron no quilómetro 23 e que foi anulada polo pelotón a 8 quilómetros da meta. Con esta actuación Castaño comeza a dar síntomas da súa recuperación, tras unha tempada marcada por unha serie de adversidades.
Tras o sprint final masivo, a clasificación xeral non sufriu moitos cambios no que se refire aos tempos. Outro ciclista do KGZ, o líder da formación, Ezequiel Mosquera, segue na décimo oitava praza, a 50 segundos do primeiro posto.
A terceira etapa discorrerá entre Melgar de Fernamental e Burgos, sobre 149 quilómetros e un perfil ondulado, aínda que sen ningún porto de montaña puntuábel no seu percorrido.