Os hospitais de Barbanza, Virxe da Xunqueira, Verín e O Salnés formarán parte oficialmente do Servizo Galego de Saúde dende o 1 de xaneiro de 2009.
Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee
O Goberno asinou este xoves a acta de defunción das fundacións públicas hospitalarias do país. As institucións do Barbanza, Virxe da Xunqueira, Verín e O Salnés extinguiranse o 31 de decembro. A partir de 2009 os orzamentos referiranse xa aos 14 centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde.
O decreto aprobado polo Consello da Xunta culmina o proceso de desaparición das fundacións para integralas no Servizo Galego de Saúde, homoxeneizalas e mellorar tanto o cadro de profesionais como a calidade asistencial.
Para cada unha das catro fundacións que ficaban desígnase unha comisión liquidadora integrada por tres auditores de contas que non estivesen vinculados a elas nos últimos cinco anos. A Xunta salienta que a integración permitirá someter todos os centros do Servizo de Saúde a criterios uniformes de planificación e coordinación, reducir o gasto sanitario por medio de plans conxuntos de adquisición e subministración, e mellorar a concorrencia e imparcialidade na contratación, entre outras medidas.
O decreto responde, segundo o Goberno, ao fracaso do modelo organizativo das fundacións sanitarias de carácter asistencial, que non chegaron aos obxectivos de eficacia, eficiencia e mellora da calidade dos servizos e ademais impediron que os seus profesionais se puidesen desprazar ao Servizo Nacional de Saúde español.