A eliminación de traxectos entre A Coruña e Barcelona e Ferrol-Madrid únese ás vías levantadas, paradas suprimidas e materiais obsoletos da rede en Galiza.
Mentres o debate público parece centrarse unicamente en que vai pasar coa liña do tren de alta velocidade, o TAV, e en se a vía que unirá Galiza con Madrid estará operativa ou non en 2012, á sombra desa polémica as infraestruturas ferroviarias do país seguen esmorecendo.
Así o consideran desde a Federación de Transporte de Comisións Obreiras, CCOO, denunciando a intención de Renfe de suprimir novos servizos. Os últimos, o traxecto diúrno A Coruña-Barcelona e Barcelona-A Coruña e o tren expreso Ferrol Madrid. Desde CCOO consideran que o debate sobre a alta velocidade é importante, pero subliñan que de ningún modo debera tapar outras prioridades do sistema ferroviario en Galiza. Ademais, sinalan a "inutilidade" da lea sobre a data de 2012 para esa chegada do TAV, un prognóstico que a día de hoxe, "é practicamente imposíbel de cumprir".
Así, e mentres a atención vai para o TAV, segundo explica para Vieiros o secretario xeral desta Federación de Transporte, Ramiro Otero, Galiza segue perdendo o paso, quedando sen infraestruturas, con vías de tren levantadas, paradas eliminadas "e de paso recibindo material obsoleto e en desuso" con respecto ao que se envía á rede ferroviaria doutros puntos do Estado.
Otero advirte de que os traballadores teñen constancia da previsión que a empresa manexa de eliminar estes novos traxectos entre os próximos meses de setembro e novembro e pide o compromiso das administracións para evitar que iso aconteza. Critica que se trata dunha decisión que non só lle afecta ao colectivo de traballadores, senón que ten un forte impacto nun área metropolitana onde o esforzo a prol do tren esmorece malia o valor que tería para a zona. "Non hai esforzo nin peso político", láiase Otero ao respecto do futuro do tren en Galiza, sinalando a nivel estatal outras áreas mesmo con menos habitantes están recibindo investimentos para o reforzo de servizos de proximidade que en Galiza non existen.
Sen aumento de prazas no verán malia o incremento da demanda
A protesta coincide coa demanda que o BNG lle achegou este xoves ao Ministerio de Fomento pedindo o reforzo dos trens de longo percorrido en Galiza fronte ao aumento de demanda nos meses de verán. "O previsíbel aumento de demanda nesta época vacacional nunca resulta compensado por Renfe cun incremento da oferta", queixouse Francisco Jorquera, voceiro do Bloque no Congreso.
Jorquera recordou que Galiza xa é unha das zonas do Estado con menos servizos ferroviarios de longo percorrido, e paradoxalmente, Renfe permanece allea á "habitual saturación e colapso" na venda de billetes nestes meses. "Por que non aumenta o número de vagóns e por tanto a oferta de prazas?", pregúntalle Jorquera ao goberno español.