Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día de Galiza

O PSdeG destaca a idea da "España plural" que non se esgota "na reivindicación da pluralidade lingüística e cultural

"Galiza conmemora hoxe a súa forma de estar no mundo", comeza o manifesto dos socialistas para esta xornada, un día onde " os galegos recoñecémonos e reafirmamos a nosa dimensión de pobo singular e diferenciado, dentro da España plural e da Europa unida".

Redacción - 09:30 25/07/2008

Os socialistas galegos aproveitan a data para reivindicar "con toda claridade" o que cualifican de galeguismo "rigoroso e construtivo", un galeguismo "orgulloso da nosa orixe pero tamén da naturalidade coa que facemos compatíbel esa identidade coa española". O documento refírese ao 25 de xullo como a "festa maior" de Galiza, unha data que en opinión dos socialistas simboliza "a nosa condición de pobo, dunha terra antiga, de convivencia pacífica".

O texto refírese tamén á "ilusión renovada" do partido por "liderar" por terceiro ano consecutivo o cambio en Galiza e afirma que "quedan aínda problemas que remover, retos que afrontar e solucións que alzar". Nese sentido, prometen un "inquebrantábel compromiso con Galiza".

Lingua e "España plural"
"O noso idioma é un elemento vertebrador, indispensábel agora e sempre", afirma o manifesto, indicando que "todos os galegos consideran a lingua como un patrimonio común". "Pero eso non significa exclusividade: todas as linguas constitucionais son igualmente dignas, igualmente comúns", inclúe a continuación en referencia á actualidade do debate lingüístico.

O texto elaborado polo PsdeG para este Día de Galiza reflexiona ademais que "a idea da España plural non se esgota na reivindicación da pluralidade lingüística e cultural". "A España plural significa tamén unha España territorial e socialmente cohesionada, onde os principios constitucionais de equidade e solidariedade alcancen concreción nos servizos recibidos polos cidadáns, independentemente da comunidade autónoma onde residan", continúa.

Finalmente, un terceiro eixo do manifesto dos socialistas galegos para esta xornada, fala da necesidade do consenso a nivel estatal para a reforma do modelo de financiamento autonómico. Ao respecto, chama a acadar un punto de encontro delimitado por "valores de cohesión, igualdade e solidariedade que conforman, xunto coas liberdades democráticas e o autogoberno, a auténtica esencia da nosa Constitución".

A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG- celebra este 25 de xullo cun acto político en Rianxo, nun acto coa presencia do presidente da Xunta e secretario xeral do PsdeG, Emilio Pérez Touriño, e do alcalde da vila, o socialista Pedro Piñeiro.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: