Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No segundo trimestre

Sobe a ocupación e o paro aínda non se dispara

No contexto da crise económica o último trimestre zoupou duro no desemprego a nivel estatal. Con todo, o balance indica que en Galiza o incremento do paro está sendo máis lento.

Redacción - 11:00 24/07/2008

O número de ocupados no segundo trimestre de 2008 en Galiza sitúase en 1.200.800 persoas (10.800 máis do que o trimestre pasado; en porcentaxes, un 0,91 por cento máis); os parados e paradas son 109.100 (un 0,7 por cento máis que o trimestre anterior, é dicir, 700 persoas), segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos polo INE (Instituto Nacional de Estatística) esta quinta feira.

Con estas cifras resólvese que a taxa do paro no noso país está no 8,33 por cento, algo máis de dúas décimas por baixo da taxa estatal, que se situou, neste segundo trimestre no 10,44 por cento.

Ademais sóubose que Galiza se atopa, arestora, entre aquelas Comunidades Autónomas nas que se produciu un maior incremento da ocupación. Neste trimestre rexistráronse no noso país 10.800 empregos novos, o que nos sitúa por detrás de Asturias (10.900), Euskadi (11.800), Cataluña (15.200) e as Illas Baleares (40.600).

Por sexos e provincias

Neste segundo trimestre, dos 109.100 parados rexistrados en Galiza, 62.500 son mulleres (cunha taxa de desemprego do 10,71 por cento) e 46.700 son homes (o 6,42 por cento).

Por provincias, A Coruña é a quen ten, pechado xuño, un maior número de parados (47.800), e unha taxa de desemprego do 8,74 por cento. Pontevedra rexistrou 42.900 parados, o 9,31 por cento da poboación activa. En Lugo, a cifra de persoas sen emprego é de 9.800 e a taxa de paro do 6,29 por cento. Ourense é a provincia con menos desempregados, 8.700, o 5,93 por cento da poboación activa.

E nun ano, como se situaron estas taxas?

Nun ano, o paro aumentou 11.200 personas, un 11,41 por cento en Galiza. Por outro lado, os ocupados medraron en 4.600 persoas nos últimos 12 meses (un 0,38 por cento).

Datos globais do Estado

En canto aos datos globais do Estado Español, o número de ocupados no segundo trimestre de 2008 situouse en 20.425.100 (22.900 máis que no trimestre anterior). No último ano a ocupación aumentou en 57.800 persoas e a taxa interanual de crecemento da ocupación cífrase no 0,28%.

Ademais, o paro subiu máis entre os homes máis novos (de abril a xuño destruíronse 64.500 empregos ocupados por varóns) e houbo un descenso da temporalidade (os traballadores con contrato indefinido medraron en 153.400, mentres que os temporais descenderon en 117.800). Por sectores, foi o da construción o que máis empregos destruíu (122 mil), pola contra, foi o sector servizos (255.500 novos postos), sobre todo no eido da hostalería.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: